Deputación de Lugo

A Deputación outorga 12.000 euros á banda de música de Antas de Ulla para a compra de material

Antas de Ulla
música
Cooperación cos Concellos
O Presidente, José Tomé, xunto á Deputada de Réxime Interior e Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, asinou un convenio de colaboración coa agrupación musical, que cumpre 125 anos dedicada a promover a aprendizaxe e a difusión da música entre todos os públicos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, asinou esta mañá un convenio de colaboración coa representante da banda de música de Antas de Ulla, Alba Val Noguerol, a través do que a institución provincial outorga á agrupación 12.000€ para a compra de material.

A banda de música, que este ano celebra o seu 125 aniversario, promove a aprendizaxe e difusión da música a todos os públicos. A agrupación ofrece actividades formativas abertas para a veciñanza de Antas e doutros concellos da comarca da Ulloa e limítrofes como Monterroso e Palas de Rei, Taboada ou Melide.

Esta colaboración da Deputación de Lugo coa banda de música de Antas de Ulla responde ao compromiso da institución provincial por apoiar e impulsar o tecido asociativo da provincia co fin de dinamizar e manter vivo o rural.

Os seus 125 anos de historia converten á banda de música de Antas nunha das máis veteranas de Galicia. Fundada en 1896 mantivo de forma ininterrompida a súa actividade ata a Guerra Civil, cando se disolveu, retomándose o proxecto a principios dos anos 80.