Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

Entran a vivir os primeiros 10 usuarios e usuarias do Centro de Atención a Maiores de Castroverde

Castroverde
centros de atención a maiores
Incorpóranse entre este martes e mércores de maneira permanente, logo de que decidiran pasar o Nadal xunto ás súas familias e ingresar no mes de xaneiro unha vez rematadas as vacacións

Tanto o persoal que traballa no centro como as persoas que entran a vivir fano cun resultado negativo nas probas PCR realizadas, para minimizar o risco de contaxio da Covid-19

Os próximos residentes ingresarán nas vindeiras semanas, tendo en conta a evolución da pandemia e tamén como se desenvolva o período de adaptación das persoas que ingresan agora

O centro de atención a maiores de Castroverde, o Residencial O Castro, conta con 30 prazas asistenciais e crea 30 postos de traballo directos

Os primeiros 10 usuarios e usuarias do Centro de Atención a Maiores (CAM) de Castroverde – Residencial O Castro- da Deputación de Lugo entran a vivir entre este martes e este mércores. A residencia permanecía en funcionamento dende o mes de decembro, pero os futuros residentes decidiron pasar as festas do Nadal na casa e comezar xa no mes de xaneiro de maneira continuada a súa estadía no centro.  

A súa incorporación faise efectiva unha vez que se lles realizou unha proba PCR con resultado negativo, ao igual que o cadro de persoal que traballa no centro. O resto de ingresos irase facendo de maneira paulatina, tendo en conta a evolución da pandemia da Covid-19 na provincia e tamén como se desenvolva o período de adaptación das persoas que xa entran a vivir esta semana. 

En canto á súa vacinación fronte á Covid-19, a Deputación informará ao Sergas destes novos ingresos e fixará coas autoridades sanitarias un novo calendario de vacinación para este centro.  

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, deséxalles aos novos usuarios de Castroverde unha moi boa adaptación ao centro e celebra que o Residencial O Castro de Castroverde “estea xa cheo de vida, funcionando este servizo que sabemos que é moi esperado e demandado polo Concello e polos veciños e veciñas deste municipio e da comarca. Un servizo 100% público que favorecerá a calidade de vida e o benestar das persoas maiores, e a conciliación, pero que, ademais, dinamiza a economía local e crea postos de traballo, 30 empregos, o que contribuirá a fixar poboación neste concello e na zona”.

José Tomé pon en valor a capacidade da Deputación para cumprir co seu compromiso de abrir antes de finalizar o ano esta residencia, aínda tendo en conta as dificultades que supuxo a pandemia, tanto a nivel sanitario como administrativo. “Contamos cun moi bo equipo, que, cun traballo impecable, fixo posible que poidamos abrir hoxe con todas as garantías sanitarias”, sinalou.

Características
A residencia pública sitúase no centro da vila de Castroverde, concretamente, entre as rúas Santiago e Alcalde Xetas. Conta cunha superficie útil de 1.800 metros cadrados, tendo en conta as zonas exteriores. O edificio divídese en dúas plantas, de 773 metros cadrados cada unha. 

Na baixa, sitúanse os servizos de enfermería, primeiros auxilios, cociña, lavandería, recepción, ademais dos espazos comúns, como o comedor ou as salas de lectura e televisión. Na planta alta, hai 24 habitacións con baño, das cales 16 son individuais e 8  dobres.

30 novos empregos en Castroverde
Este centro creará máis de 30 novos empregos directos, que na súa maioría son da zona, un factor importante para fomentar un ambiente coñecido para os residentes e que favorece que a xente nova se quede a vivir no rural gracias a un emprego estable. A maiores, o centro provoca a creación de empregos indirectos e unha inxección económica no localidade, tendo en conta que os servizos de farmacia, produtos para a cociña, limpeza e demais, se adquiren no comercio de proximidade. 

Un modelo propio
O  Presidente subliña que a Deputación de Lugo entende que “o envellecemento activo se consegue dunha maneira máis eficaz se vinculamos novas pautas de conduta ou hábitos de vida á contorna tradicional do usuario, sempre que é posible, consiste en facilitarlle á persoa maior a permanencia no seu propio fogar e iso é unha das esencias dos nosos centros de atención a maiores”. 
Tomé Roca explica que “queremos un plus de calidade na atención aos usuarios e de tranquilidade para as familias. Contamos con centros pequenos nos que se garante que os maiores reciben os coidados e servizos que precisan e aos que teñen dereito, preto do seu lugar habitual de residencia”. A Deputación facilita que “cada persoa poda permanecer no lugar no que fixo a súa vida, convivindo cos seus veciños e veciñas e atendidos por persoal que na súa maioría é da súa zona e mesmo coñecen”, asegura o Presidente. 

O modelo da Deputación de Lugo, levado a cabo en cooperación cos concellos nos que se asentan os centros, dá prioridade no acceso ás prazas á veciñanza do municipio. En segundo termo, poden anotarse desde os municipios limítrofes ou da comarca, e despois o proceso ábrese para lucenses en xeral. Ademais, o ente provincial garante que todos os veciños e veciñas, independentemente da súa situación económica, poden acceder a estas prazas, posto que os usuarios pagan en función da súa capacidade económica.

Cinco centros
Co de Castroverde, a Deputación de Lugo conta con cinco centros públicos de atención a maiores abertos, pois súmase aos situados nos municipios de Trabada, Ribadeo, Pol e A Fonsagrada, con capacidade para máis de 200 veciños e veciñas.
Nos vindeiros meses está prevista a apertura da residencia de Pedrafita do Cebreiro e para no segundo semestre do ano as de Meira e Navia de Suarna.  O Orzamento 2021 da Deputación contempla 8M€ para as residencias, que se suman aos 14M€ xa mobilizados para centros que se están construíndo ou que están comprometidos.