Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación dota cun desfibrilador á escola infantil de Vilalba para protexer a saúde de máis de cen menores

desfibriladores
Vilalba
O Presidente asinou un convenio de colaboración co presidente da ANPA do centro, a través do que a institución provincial achega 3.500€ para a adquisición e posta en servizo do dispositivo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou un convenio de colaboración co representante da ANPA da Escola de Educación Infantil de Vilalba, José Ángel Balseiro Amido, a través do cal a institución provincial achega 3.500 euros a este centro educativo vilalbés para que adquira un desfibrilador pediátrico e poña en funcionamento o servizo para protexer a saúde cardiovascular de 112 nenas e nenos. 

“É importante contar con desfibriladores nas instalacións públicas para reducir ao mínimo o tempo de reposta ante unha parada respiratoria e, máis aínda, nun centro educativo público onde os menores pasan moitas horas. Non podemos permitir que carezan dun instrumento que lles pode salvar a vida”, lembrou Tomé Roca.

Coa achega da institución provincial, a escola infantil de Vilalba instalará un desfibrilador semiautomático (DESA) específico para menores e porá en funcionamento o servizo, dando de alta o dispositivo na Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061. Para facilitar o manexo deste aparello tamén se impartirá formación teórica básica sobre técnicas de reanimación cardíaca pulmonar, que se complementará con  oito horas de formación práctica presencial para oito alumnos.

A maioría das mortes súbitas cardíacas ocorren fóra da contorna hospitalaria, e este centro educativo vilalbés, ao estar situado nas aforas da vila, está lonxedos servizos hospitalarios. Os expertos en cardioloxía aseguran que, en situación de parada cardíaca respiratoria, cada minuto que pasa sen atención diminúe nun 10% a probabilidade de supervivencia. As enfermidades cardiovasculares son a primeira causa de morte no mundo occidental e, entre elas, a morte súbita cardíaca, que tamén afecta aos menores, ocupa un lugar destacado.

Programa Lugo, Provincia Cardioprotexida
A Deputación ten en marcha o programa Lugo, Provincia Cardioprotexida, unha iniciativa a través da que a institución provincial dota de Desfibriladores Semiautomáticos (DESA) aos 49 concellos que decidiron sumarse a esta iniciativa, e que leva aparellada a formación necesaria a persoal municipal para o seu manexo.

A Deputación inviste nesta iniciativa 60.000€ para a contratación conxunta do subministro de desfibriladores, un por cada concello que decidiu adherirse a este proxecto, así como da formación para o seu uso.