Deputación de Lugo
Medio ambiente

Extinguida SUPLUSA: “Hoxe é un bo día para a provincia”

SUPLUSA
Pleno
extinción
"Foi un proceso impecable, con todos os informes técnicos favorables, nun tempo récord, que garantiu todos os postos de traballo nas mesmas condicións e no que todas as decisións se tomaron por unanimidade”, subliñou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto

A Deputación herda os dereitos e obrigas da sociedade mercantil: incorpora bens patrimoniais por 18,3M€; unha liquidez por 4,3M€; asume a prestación do servizo en cuestións de urbanismo e subroga aos catro traballadores que quedan na sociedade

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este luns, nunha sesión extraordinaria, a extinción da Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA). “Hoxe é un bo día para a Deputación de Lugo, e, polo tanto, un bo día para os concellos, para o tecido económico e para os veciños e veciñas da provincia. Afortunadamente, xa non quedan chiringuitos na Deputación. Pechamos un capítulo que consolida a normalidade e a tranquilidade nesta institución, que será máis eficaz e máis útil para a cidadanía, e terá un maior  control dos fondos públicos e maior transparencia”, subliñou a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto.

“Foi un proceso impecable, con todos os informes técnicos favorables, en tempo récord -14 meses-, que garantiu todos os postos de traballo nas mesmas condicións e no que todas as decisión se tomaron por unanimidade, dende o principio ata hoxe”, explicou García Porto.

O acordo plenario aprobado hoxe inclúe dous puntos: un para aceptar a proposta da Comisión Liquidadora de extinguir SUPLUSA; e outro para aprobar a propia extinción de sociedade mercantil en función dos informes favorables dos técnicos da institución, co que iso leva consigo: a incorporación dos dereitos e obrigas da entidade na Deputación, a subrogación dos catro traballadores que quedan no sociedade e, no referente aos convenios subscritos por SUPLUSA con diversos concellos, aterse ao disposto na Lei e no propio clausulado dos convenios.

O primeiro dos puntos obtivo 13 votos a favor do PSdeG e do BNG e 12 abstencións do PPdeG e, pola súa banda, o segundo punto, obtivo 13 votos a favor dos socialistas e nacionalistas e 12 en contra dos populares.

Como socia única e sucesora universal de SUPLUSA, a Deputación herda todos os seus dereitos e  obrigas: Faise cargo dos bens inmobles de SUPLUSA, cun valor de taxación que ascende aos 14,3M€, e ingresará unha liquidez de 4,3M€, cantidade que pasará a un fondo para facer fronte ás responsabilidades e obrigas pendentes da sociedade mercantil e, si quedara algún, pasará a remanentes da Deputación do próximo exercicio económico.

Convenios para polígonos: o que diga a Lei e as cláusulas dos acordos
A Deputación asume a prestación do servizo en termos de urbanismo, que é o único que ofrecía xa SUPLUSA, despois de que no ano 2018 se lle retirase o de xestión dos Centros de Atención a Maiores e, a finais do ano pasado, se encargase á empresa pública TRAGSA o mantemento e conservación de zonas verdes. 

Con respecto aos convenios de SUPLUSA con diversos Concellos da provincia, tal e como se aprobou no Pleno de hoxe seguindo o disposto nos informes técnicos, “a Deputación cumprirá co que di a Lei e co disposto no clausulado dos convenios. Iso é o que din que debemos facer os informes técnicos, e nós cumpriremos escrupulosamente coa Lei”, asegurou García Porto.

Mantéñense todos os postos de traballo, exactamente nas mesmas condicións
A Deputada reiterou así mesmo que, en todo o proceso para extinguir SUPLUSA, “cumprimos co compromiso deste Goberno de manter todos os postos de traballo, exactamente nas mesmas condicións, seguindo as indicacións dos informes de Recursos Humanos. Segundo o criterio dos técnicos, foi unha decisión tecnicamente impecable”.

En canto á compra dunha acción a Tragsa, que converteu a esta empresa pública en medio propio da Deputación, -algo que fixeron unha trintena de administracións en toda España, entre elas a Xunta de Galicia e as comunidades de Andalucía ou Murcia-, e o posterior encargo á mesma da conservación e mantemento de zonas verdes, Pilar García Porto reiterou que “hai un procedemento xudicial aberto polo Partido Popular, e non poden pretender agora preconstruír probas para logo tratar de invocalas en contra desta institución, a favor da súa estratexia persoal”.

Sobre o custe do mantemento e conservación das zonas verdes, a voceira socialista explicou a prestación do servizo con SUPLUSA costáballe á Deputación máis dun millón de euros ao ano, mentres que o encargo a TRAGSA ten un importe neste ano de 825.000€, polo tanto, é máis barato.