Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Mocidade destina 91.000 euros a espazos infantís en Barreiros, Ribadeo e Trabada

mocidade
PARQUES INFANTÍS
Trabada
Ribadeo
Barreiros
Mónica Freire
As obras, que inclúen a construción de dous novos parques e a reforma doutro, teñen un prazo de execución de 4 meses

A área de Mocidade financiará a construción, ampliación e mantemento de tres parques nos concellos de Barreiros, Ribadeo e Trabada.

A deputada Mónica Freire anunciou o investimento tras aprobarse o encargo das obras á empresa pública Tragsa na Xunta de Goberno deste venres. O acordo dá luz verde á realización dos traballos,  recollidos no convenio interadministrativo asinado coas alcaldesas de Trabada e Barreiros Mayra García e Ana  Ermida e co alcalde de Ribadeo Fernando Suárez.

Mocidade destina 91.000 euros á execución das obras, que mellorarán a dotación de espazos de ocio nos tres concellos mariñaos. A previsión da área é que os traballos poidan comezar de forma inmediata, a comezos do mes de decembro.  O periodo de execución é de catro meses, polo que quedarán rematadas na primavera de 2021.

En Trabada, crearase un parque infantil nun terreo situado na rúa do Concello, cun investimento de 19.600 euros por parte da área provincial.

O concello de Barreiros recibirá unha achega de 22.000 euros para a creación dunha pista de skate en San Cosme de Barreiros, na Praza do Teleclube, cunha achega de 22.000 euros por parte de Mocidade.

En Ribadeo, o goberno provincial financiará a reposición e ampliación do parque da Avenida Rafael Fernández Cardoso cunha achega de 49.000 euros.

A deputada nacionalista sinalou que “as zonas de ocio son fundamentais para o xogo e a socialización na infancia e na adolescencia, franxas de idade das que temos que coidar especialmente nos concellos pequenos nos que o reto é fixar poboación”

Os traballos serán realizados pola empresa pública Tragsa, na súa condición de medio propio da Deputación de Lugo. Nese senso, Mónica Freire subliñou que a xestión permite “a utilización conxunta de medios e servizos públicos e un uso máis eficiente dos recursos”. Tamén incidiu na necesidade de “propiciar acordos que reforcen a colaboración entre concellos con intereses e demandas comúns”.