Deputación de Lugo

A Deputación adxudica a prestación básica dos servizos do centro de maiores de Castroverde por 1M€

Xunta de Goberno
O voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, deu conta dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno deste venres, na que se deron novos pasos para abrir antes de finalizar o ano a residencia de Castroverde e a principios do que vén, a de Pedrafita

Aprobada unha achega de 52.000€ á Federación de Comercio para dinamizar as compras de Nadal nos negocios da provincia. “Seguimos traballando da man dos propios sectores produtivos para axudar na recuperación do emprego e da actividade económica ante o impacto da crise sanitaria”, subliñou a Deputada

A administración provincial destina máis de 143.000€ á dotación de novo material informático ao Centro Asociado da Uned en Lugo, froito do seu compromiso coa educación

A voceira socialista do Goberno da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, deu contados asuntos aprobados na Xunta de Goberno deste venres, na que se deron novos pasos para abrir antes de finalizar o ano o Centro de Atención a Maiores de Castroverde, coa adxudicación por 1M€ do contrato de prestacións básicas, e a principios do que vén, o de Pedrafita, coa adxudicación de material e equipamento para as instalacións.

No caso de Castroverde, o contrato para as prestacións básicas da residencia inclúeo servizo de cociña, limpeza e asistencia básica para o centro, ademais de peitado-barbería e quiropedia. 

“Terá vixencia ata o 20 de xuño de 2022e foi adxudicado á unha empresa da provincia, en concreto, do concello da Fonsagrada, que actualmente tamén presta servizos na residencia da Deputación neste concello da Montaña”, explicou a Deputada.

No caso de Pedrafita, quedou aprobada a adxudicación do subministro e equipamento para lavandería e artigos de cociña. “Adxudicouse tamén a outra empresa da provincia, neste caso a Mariña Clima S.L., por importe de 52.417€”, detallou Pilar García Porto, quen avanzou ademais que, con respecto a esta residencia, “estamos a tramitar un procedemento negociado para contratar as prestacións básicas de servizos, logo de que a licitación quedase deserta”. 

Con respecto á apertura destes dous centros de maiores -que se sumarán aos de Pol, Trabada, Ribadeo e A Fonsagrada – “a nosa previsión é que a residencia de Castroverde estea funcionando durante todo o próximo ano e que a de Pedrafita abra no mes de febreiro. Así o recollemos nos Orzamentos 2021 que contamos aprobar o vindeiro luns no Pleno extraordinario”, subliñou. 

Apoio ao comercio no Nadal
A sesión deste venres sacou adiante un convenio de colaboración coa Federación de Comercio, a través do que a Deputación de Lugo achega 52.000€ ao sector da provincia para desenvolver unha campaña de dinamización das ventas neste Nadal. Trátase dunha campaña que levará por lema Este Nadal máis preto de ti. Comercio de Lugo Seguro, Nadal de Lugo Seguro.

“Dende a Deputación vimos colaborando dende xa hai anos coa Federación de Comercio en programas e accións para visibilizar a calidade do sector, e para incentivar as compras no pequeno comercio, no comercio de proximidade da nosa provincia”, indicou a voceira socialista. “Foi sempre unha colaboración importante, pero, dende logo, neste ano é fundamental e imprescindible que desde a institución provincial fagamos esta inxección económica ao sector, tendo en conta que, xunto coa hostalería, o turismo e a cultura, é o que está a sufrir o impacto máis grave polas restricións da crise sanitaria”, detallou García Porto. 

Este convenio ten como obxectivo apoiar ao comercio “nunhas datas cruciais que representan un importante volume dos seus ingresos anuais. O Nadal é a temporada de vendas máis importante do ano, supoñendo máis do 30% da facturación anual”, indicou a Deputada. Esta achega económica de 52.000€ tamén forma parte “do noso compromiso de traballar da man dos propios sectores produtivos para axudar na recuperación do emprego e da actividade económica da provincia”, subliñou.

Na rolda de prensa, García Porto puxo o foco en que “o comercio de proximidade é un indiscutible motor da economía de Lugo, xerador de emprego e riqueza, e dinamizador das rúas e da vida social. A Deputación sempre estará para colaborar e traballar co fin de favorecer a súa actividade”.

Impresoras e equipamento da UNED 
A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do subministro mediante arrendamento sen opción a compra dos sistemas de impresión de toda a Deputación por un importe de 403.000€. A adxudicataria é Solitium Noroeste S.L.U. e o contrato ten unha duración de dous anos, con posibilidade de prorrogalo por outros dous máis. 

García Porto explicou que “co contrato anterior tiñamos un total de 139 impresoras e agora serán 180, ao dotar destas máquinas tamén aos centros de atención a maiores, o Servizo de Audiovisuais, os Museos e a Granxa Gayoso Castro”. Ademais, concretou que nos criterios de valoración se tivo moi en conta o consumo enerxético das máquinas, valorando aquelas que teñen un menor consumo e que son  máis respectuosas co medio ambiente. 

Outro dos asuntos ao que se lle deu o visto bo na reunión semanal do Goberno foi á adxudicación do subministro do equipamento tecnolóxico do Centro Asociado da Uned en Lugo, que se custea dende a Deputación. “Esta contratación por un importe total de máis de 143.000€é un investimento que forma parte do noso compromiso pola educación e por dotar de ferramentas axeitadas ao conxunto da comunidade educativa, de feito, nas vindeiras semanas contrataremos outros 3 lotes de material para este centro”. 

Alfoz e Sober
A Xunta de Goberno aprobou as solicitudes dos concellos de Sober e de Alfoz para poder destinar remanentes do Plan Único 2020 noutras actuacións. No caso de Sober, vanse destinar algo máis de 25.000€ á pavimentación de accesos en Cimadevila, Bolmente e Sanxís. E no caso de Alfoz, investiranse 18.530€ na pavimentación de accesos no núcleo de Presaboa, o acceso ao muíño de Damián, e tamén na parroquia de Reirado.

Así mesmo, aprobáronse 6 contas xustificativas de axudas concedidas pola Deputación a través do Programa de Recuperación e Incorporación de Terras para a posta en Produción de Recursos Agrogandeiros. En total, suman 19.670€ para a posta en produción de case 40 hectáreas nos concellos de Guitiriz, Guntín, Friol e Chantada.