Deputación de Lugo

O Pleno aproba unha declaración institucional contra a violencia machista

Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller
declaración institucional
A Corporación acordou por unanimidade unha iniciativa con motivo do 25N que expresa o firme compromiso da Deputación na loita contra os asasinatos e agresións machistas e o traballo para mudar os elementos estruturais que as xeran e as perpetúan na sociedade

O Pleno da Deputación de Lugo acordou este martes na sesión plenaria do mes de novembro unha Declaración Institucional contra a violencia machista. Todos os grupos políticos con representación na Deputación de Lugo – PSdeG, BNG e PPdeG- votaron a favor dun texto elaborado conxuntamente con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que terá lugar mañá, 25 de novembro. 

O documento amosa o firme compromiso da institución provincial na loita contra os asasinatos e agresións machistas e a vontade política por mudar os elementos estruturais que as xeran e as perpetúan na sociedade. Os tres partidos, como asinantes da declaración, trasladan a súa solidariedade e apoio ás vítimas, aos fillos e fillas que perderon ás súas nais, e a todos os seus familiares e amigos. “Compartimos a súa dor, entendemos a súa desolación e combatemos a súa causa”, recolle o escrito. 

A iniciativa presta especial atención á actual situación que se ve agravada pola crise sanitaria da pandemia da Covid-19. “Moitas das medidas necesarias para loitar contra o virus –restricións de movemento, illamento social, menor mobilidade- resultan especialmente terribles para as mulleres vítimas de violencia machista”, recolle o escrito conxunto que acordou a Xunta de Voceiros o pasado xoves e que ratificou a Corporación Provincial por unanimidade esta mañá.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL
Co motivo da conmemoración, o vindeiro 25 de novembro, do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a Deputación de Lugo quere expresar o seu firme compromiso na loita contra os asasinatos e agresións machistas e o traballo para mudar os elementos estruturais que as xeran e perpetúan na sociedade. Queremos trasladar a nosa solidariedade e apoio ás vítimas, aos fillos e fillas que perderon as súas nais, e a todos os seus familiares e amigos. Compartimos a súa dor, entendemos a súa desolación e combatemos a súa causa. 

Cúmprense agora 20 anos dende que as Nacións Unidas decidiran, ao abeiro do cambio de século, adicar este día a visibilizar dun xeito especial a necesidade urxente de loitar contra a violencia que afecta ás mulleres polo mero feito de selo. Son dúas décadas de traballo, de melloras na educación en igualdade, na lexislación e na habilitación de recursos para frear a violencia. Pero son dúas décadas nas que non fomos quen de facer desaparecer unha das eivas máis vergoñentas que aínda arrastra a Humanidade. É clave aumentar os recursos dispoñibeis e avanzar na identificación e na loita contra todo tipo de violencias e desigualdades que afectan ás mulleres no contexto dunha sociedade patriarcal.

En anos recentes alertamos do risco de retroceso que representaban a difusión das ideas negacionistas ou revisionistas, que tratan de negar a existencia do problema ou o dilúen en formulacións xenéricas como “violencia intrafamiliar”. Este ano, ademais, a situación vese agravada pola pandemia da Covid 19. Porque moitas das medidas necesarias para loitar contra o virus -restricións de movemento, illamento social, menor mobilidade - resultan especialmente terribles para as mulleres vítimas de violencia machista. Como ten declarado a ONU, “o confinamento reforza o illamento das mulleres que teñen compañeiros violentos, separándoas das persoas e os recursos que mellor poden axudalas. É a situación perfecta para exercer un comportamento controlador e violento no fogar”.  Os datos do primeiro semestre do ano indican que houbo un incremento nas beneficiarias de axudas económicas, do número de chamadas ao teléfono de atención ás vítimas e de consultas nos Centros de  Información á Muller (CIM), a maioría delas relacionadas coa necesidade de atención psicolóxica, acceso a recursos asistenciais e ordes de protección.

Tamén se están a constatar as dificultades coa que se atopan as mulleres que  precisan recorrer ás casas de acollida onde se lles piden requisitos médicos e sanitarios vinculados á situación de pandemia, sen que nin elas nin os CIM teñan medios para acreditalos. As mulleres vense expostas ao abandono institucional por non poder cumprir coas condicións para ingresaren nestes centros, poñendo en risco aínda máis as súas vidas e as dos seus fillos e fillas.

Urxe facer unha valoración global da situación en que se atopan as mulleres vítimas de violencia no contexto da Covid 19 e dar resposta a estas novas situacións. Cumpre  que as medidas de loita contra unha situación excepcional non esquezan nin leven ao segundo plano esa outra enfermidade social endémica que é a violencia contra as mulleres.

Polas características da nosa poboación, Lugo é unha provincia de marcado carácter rural, cun alto grao de envellecemento. E cumpre lembrar que a violencia contra as mulleres é especialmente dura nas zonas rurais e tamén entre mulleres maiores de 65 anos. No mundo rural, a sensación de soidade e tripla, pola escasa participación dos espazos públicos e a relegación ao ámbito privado, por estar illadas xeograficamente e por identificar a súa situación como un proceso individual, e non como o problema estrutural que é, consecuencia da desigualdade entre mulleres e homes. Así o indica o estudo sobre “Mulleres vítimas de violencia de xénero no mundo rural” realizado pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR), entre decembro de 2018 e xaneiro de 2020, en cumprimento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que este ano cumpre o seu terceiro aniversario.

Tamén no marco do Pacto, o pasado ano publicouse o estudo sobre “Mulleres maiores de 65 anos vítimas de violencia de xénero”, que pon de manifesto unha realidade que permanece a miúdo invisible. E que revela unha violencia sostida no tempo con datos estremecedores: o 40% das vítimas sufriu violencia durante máis de corenta anos e o 27% padeceuna, entre dous e tres décadas. Toda unha vida de vexacións, agresións, control e medo. Un colectivo especialmente vulnerable que require toda a nosa atención, apoio e sustento.

Por todo iso, a Deputación de Lugo quere  manifestar o seu compromiso coas políticas orientadas á erradicación da violencia contra as mulleres, tanto dentro e fóra do ámbito da parella, e co fomento dunha cultura da igualdade e de respecto á diversidade dende as idades máis temperás.  E consideramos tamén que é preciso incorporar a perspectiva de xénero ás medidas socioeconómicas de reconstrución.  Cómpre valorizar e dignificar as condicións laborais en sectores amplamente feminizados -sanitario, sociosanitario, da limpeza, da asistencia no fogar-, fundamentais para o sistema de coidados que a pandemia volveu demostrar imprescindible para a sociedade. E fomentar a corresponsabilidade. Porque a crise sanitaria está levando a carga da atención a maiores e enfermos de novo ás mans das mulleres. Porque cando os nenos e nenas fan educación non presencial, o seu coidado e supervisión volve a ser, maioritariamente, tarefa das nais. Porque cando se perde emprego, se precariza ou se deterioran os dereitos laborais, son as mulleres as que primeiro sofren as consecuencias. O mantemento ou recuperación de roles sociais sexistas é o primeiro paso no que asentar comportamentos discriminatorios ou violentos. E non loitaremos de xeito eficaz contra a Covid se para facelo ignoramos, deixamos de lado, suprimimos ou minusvaloramos os dereitos da metade da poboación.