Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación destina 113.000€ para a mellora de servizos públicos básicos en Castroverde

Xunta de Goberno
Residencias
Castroverde
A Xunta de Goberno aprobou un convenio de colaboración co Concello para melloras na piscina, no campo de fútbol, accesos, camiños, alumeados, depósitos de auga e material de oficina para o persoal do Consistorio

Adxudicado o contrato para o servizo de mantemento integral das instalacións térmicas e o control e prevención da lexionelose nos centros de atención a maiores da Deputación, que xa contempla as residencias de Castroverde, Pedrafita, Meira, Ribas de Sil e Navia de Suarna ademais das catro a día de hoxe en funcionamento

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou este venres de que a Xunta de Goberno aprobou un convenio co Concello de Castroverde que ascende a 141.000€ para a mellora de servizos públicos e básicos do municipio. Deste orzamento, a Deputación achega 113.000€ e o Concello outros 28.000€.

En concreto, con dito investimento realizaranse as seguintes actuacións: reconstruirase un muro na estrada de Francelos de Abaixo, ao estar actualmente en mal estado; e melloraranse os accesos en Francelos de Abaixo, Meda, Córneas e San Xoán de Barredo. Tamén se farán melloras na piscina municipal. En particular, renovaranse un total de dez portas e dous espellos nos vestiarios masculinos e femininos. O Presidente destacou que se trata dunha actuación importante pois a piscina é una infraestrutura moi empregada polos vecinos e veciñas de Castroverde durante o verán.

Así mesmo, este acordo recolle a execución do tendido eléctrico e instalación de cloradores nos depósitos de auga do Páramo e A Frairía. Trátase de depósitos que subministran auga para abastecemento doméstico, gandeiro e agrícola destas zonas. Con estas melloras cumprirase cos parámetros que marcan as autoridades sanitarias. 

Instalarase tamén un sistema de rego automático no campo de fútbol da Veiga do Olmo, pois estas instalacións precisan regado durante todo o ano para que se manteñan en boas condicións para a práctica deportiva.

Igualmente, dotarase de novo alumeado LED en Bolaño e Rebordaos e rehabilitarse con formigón o pavimento do núcleo de Páramo, que actualmente atopase deteriorado. Ademais, o convenio recolle a dotación de novo material de oficina, como cadeiras, para os traballadores e traballadoras do Concello.

Máis servizos para as residencias da Deputación
Con respecto ás residencias da Deputación, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do contrato para o servizo de mantemento integral das instalacións térmicas e o control e prevención da lexionelosis nos centros de atención ás persoas maiores de titularidade provincia, tanto para as que xa están en funcionamento -A Fonsagrada, Pol e Trabada-, como para as que o Goberno ten previsto abrir en Pedrafita, Castroverde, Meira, Ribas de Sil e Navia de Suarna. O contrato conta cun orzamento de 61.000€ e ten unha duración de 18 meses. 

1º edificio de uso público coestándar Passivhaus de Galicia
Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou dar luz verde a un convenio coa Asociación SER para colaborar no financiamento das obras de mellora da eficiencia enerxética e o sistema de climatización do edificio onde ten localizada a súa sede, na aldea de Vilela, en Navia de Suarna.

Tomé Roca informou que o edificio é unha antiga casa familiar ligada a unha explotación agropecuaria e forestal de subsistencia, propia da zona. No ano 2017, o cineasta Oliver Laxe, neto do último residente na vivenda, comezou a estudar a viabilidade arquitectónica do edificio para albergar unha asociación que promova a cultura e a economía da contorna.

Os traballos permitirán converter á sede no primeiro edificio privado de uso público construído baixo o estándar Passivhaus de Galicia, o nome alemán que recibe o estándar de edificación capaz de garantir o confort térmico, subministrando a enerxía para a calefacción e refrixeración só a través do aire de ventilación. “Este proxecto enmárcase na aposta que vimos facendo dende a Deputación pola conciencia e sostibilidade ambiental”, salientou o mandatario provincial.

As obras, financiadas pola Deputación con 36.000€, consistirán no incremento do illamento da cuberta, a dotación dunha soleira no chan e novos acristalamentos, así como a instalación dun sistema de ventilación con recuperación de calor. 

Asociación de veciños de San Vicente de Argozón
Así mesmo, a Deputación acordou aprobar o convenio coa a Asociación de Veciños para a Defensa e Desenvolvemento Medioambiental de San Vicente de Argozón para rehabilitar a fachada da sede social que o colectivo ten nesta parroquia de Chantada. 

As actuacións contempladas son a hidro-limpeza en profundidade da estrutura, reparación de fisuras con morteiro e tratamento protector para facer fronte ás humidades. Estas obras, que contan cunha achega provincial de 18.500€, mellorarán as condicións de habitabilidade e confort do edificio, permitindo ao colectivo desenvolver plenamente as súas actividades culturais, ambientais e recreativas. 

Alumeado de Nadal
Por último, a Xunta de Goberno adxudicou con 8.400€ o alumeado de Nadal que decorará a fachada do Pazo de San Marcos. Instalarase a finais deste mes de novembro  e acenderase na semana da ponte de decembro, permanecendo iluminado ata o día despois de Reis.