Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

Os usuarios e usuarias do Centro de Maiores da Fonsagrada realizan paseos protexidos pola Alameda da localidade

centro de maiores
Concello da Fonsagrada
Centro de maiores A Fonsagrada
Estas saídas son posibles logo dun acordo entre a Deputación e o Concello para reservar franxas horarias para os residentes, de tal maneira que nese momento a veciñanza deixa libre este espazo para que non se produzan contactos directos

“É unha moi boa nova para todos e as primeiras experiencias están sendo moi positivas porque lles axuda a mellorar o seu benestar emocional. Vémolos moi contentos con esta medida de alivio”, subliña o Deputado de Promoción Económica e Social

Os usuarios e usuarias do Centro de Atención a Maiores da Fonsagrada da Deputación de Lugo realizan paseos pola Alameda da localidade logo de chegar a un acordo entre a institución provincial e o Concello. Nese treito horario, a veciñanza deixa libre este espazo de lecer para que poidan saír e desfrutar ao aire libre sen que se produzan contactos directos con persoas alleas ao centro, minimizando así o risco de contaxio por Covid-19. 

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, explica que estas “saídas protexidas son unha moi boa nova para todas as persoas que viven na residencia da Fonsagrada porque lles permite cambiar de ambiente, estar ao aire libre e axúdalles a mellorar o seu benestar emocional”. Rivera pon o foco na importancia de que saian “nese momento, acompañados por profesionais, para que despexen a mente, xa que non podemos esquecer que estas persoas levan un confinamento máis severo, e son meses nos que en moi poucas ocasións puideron saír do centro e as visitas das súas familias son limitadas e con altas medidas de seguridade”. 

As saídas prográmanse segundo as condicións meteorolóxicas, pero están fixadas para as primeiras horas da tarde logo da sesta. “O persoal do Concello encárgase de avisar á xente que se atopa nas inmediacións para que saiban que é o momento dos maiores e, a verdade, é que a veciñanza está respondendo moi ben, entende perfectamente a situación e amósase moi colaborativa porque é consciente de que con esta medida contribuímos a protexer aos nosos maiores”, explica o Deputado. 

Rivera Capón explica que se adopta neste momento esta medida de alivio porque “a presión do virus no municipio diminuíu, o que nos permite ir retomando aquelas actividades que pensamos que se poden desenvolver dun xeito seguro, como é o caso destes paseos que trouxeron moita alegría e motivación para toda a comunidade do centro”. 

Esta iniciativa propúxose no centro da Fonsagrada porque “é unha residencia pensada para que os maiores convivan coa veciñanza. Atópaseubicada no centro da localidade e a nosa idea era que no canto de realizar os paseos no recinto puidesen saír a camiñar e facer os seus recados completamente integrados no día a día do municipio, pero coa chegada da Covid-19, os contactos co exterior víronse limitados para protexer aos nosos maiores e minimizar ao máximo o risco de contaxio”. No resto de centros de maiores da Deputación, os usuarios e usuarias dispoñen dun amplo espazo para saír e pasear ao aire libre dentro do propio recinto da residencia.