Axenda Institucional
Deputación de Lugo

Preto de 20 persoas especialízanse en enoturismo nun curso que promove a APEHL grazas á Deputación

enoturismo
Formación
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, salientou que esta actividade formativa “enmárcase na aposta da institución por un turismo de calidade, proximidade, sostible e de experiencias que potencia a riqueza vitivinícola da nosa provincia”

O curso enmárcase no convenio de colaboración a través do cal a Deputación achega 60.000€á Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería co fin de apoiar ao sector, gravemente afectado pola pandemia

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, mantivo este mércores no Centro do Viño de Monforte de Lemos un encontro cos preto de vinte participantes no curso de especialización en enoturismo que promove a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL) grazas á colaboración da Deputación. Fíxoo acompañada do presidente de APEHL, Cheché Real, da primeira tenente de Alcalde do Concello monfortino, Gloria Prada Rodríguez, e do director do Instituto Galego do Viño, Xoan Cannas.

Na visita, Pilar García salientou que este curso de enoturismo “enmárcase na aposta da Deputación de Lugo por un turismo de calidade, de proximidade, sostible e de experiencias que potencia a riqueza vitivinícola da nosa provincia. É tamén, unha oportunidade de reinvención para que profesionais deste sector dispoñan de máis recursos para saír da crise provocada pola pandemia e afrontar con maior garantía a recuperación”.

O Instituto Galego do Viño, que dirixe Xoán Cannas, é o encargado de impartir esta actividade formativa ata o mes de decembro a case unha vintena de participantes. A maioría das persoas inscritas pertencen ao sector do turismo e hoteleiro. Tamén participanprofesionais do sector servizos.

O curso afondará en diversos aspectos da viticultura e servirá para capacitar ao alumnado en aspectos prácticos, como a elaboración de cartas de viños, a maridaxe, o servizo e xestión de sala, o traballo en adegas e a xestión do negocio. As persoas participantes poderán coñecer novas tendencias do mercado e aprender a crear, desenvolver e xestionar produtos enoturísticos coñecendo ferramentas de comercialización, de imaxe de marca, comunicación e enomarketing. O curso complétase con clases prácticas de catas de viños galegos e nacionais de diferentes denominacións de orixe. 

Esta actividade formativa enmárcase no convenio de colaboración polo que a Deputación de Lugo achega 60.000 euros a APEHL para apoiar este sector, gravemente afectado pola pandemia. A institución provincial mantén unha estreita colaboración coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería coa finalidade de apoiar e manter a actividade neste sector desenvolvendo actividades de promoción turística e gastronómica da provincia Lugo.