Deputación de Lugo

A estrada provincial que une Momán coas Pontes estará cortada entre mañá e o mércores debido ás obras de mellora

Momán
Xermade
Traballos na LU-P-2204.IMG01

Os traballos de mellora que está efectuando a Deputación na LU-P-2204 obrigan a interromper o tráfico en varios puntos entre quilómetros 4 e 7 da vía. Os desvíos estarán sinalizados co obxectivo de que afecten o mínimo posible aos usuarios

A Deputación de Lugo informa de que se vai realizar un corte de tráfico na estrada LU-P-2204, no concello de Xermade, debido aos traballos de mellora que a institución provincial está levando a cabo na estrada que une o núcleo de Momán, en Xermade, coas Pontes de García Rodríguez, na provincia da Coruña. A interrupción da circulación farase dende mañá, xoves, ata o vindeiro mércores día 25, e afectará a varios puntos entre os quilómetros 4 e 7. 

Haberá sinalización informativa e desvíos alternativos, co obxectivo de que o corte afecte o mínimo posible aos usuarios desta vía. Os traballos que se van realizar durante esta semana consisten na remodelación integral do firme con aglomerado en quente. 

Unha vez finalizada a pavimentación procederase ao incremento da seguridade cunha nova sinalización horizontal mediante marcas reflexivas brancas e recolocarase a sinalización vertical e os sistemas de contención que se vexan afectados polo ensanche da vía. Estímase que estes traballos queden rematados a principios de decembro, sempre e cando as condicións meteorolóxicas sexan favorables.

Estas obras contan cun investimento de 452.000€ da Deputación. Trátase da terceira fase da mellora que a institución leva a cabo na estrada provincial Momán-As Pontes, despois de acometer previamente outras dúas fases nas que ampliou e acondicionou 4 quilómetros (dos puntos 0 ao 2 e do 2 ao 4) cun investimento de 654.000€. 

Deste xeito, unha vez rematadas os traballos que agora están en marcha, tan só quedarán 2,8 quilómetros para rematar coa mellora integral da vía, que ten un total de 9,8 quilómetros de lonxitude.

Esta estrada é moi importante, pois vertebra o concello de Xermade e toda esta parte da provincia, dando servizo aos veciños e veciñas de Momán e comunicando con As Pontes. Ademais, este é o camiño máis curto para os desprazamentos dos veciños a Santiago de Compostela e aos aeroportos.