Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación colabora coa asociación Somos Unidos para manter o piso de acollida que ofrecen a pacientes oncolóxicos

benestar social

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, xunto ao presidente da Asociación Somos Unidos por el Cáncer, José Manuel Vázquez Castro, renovaron na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos a colaboración que mantén a institución provincial con este colectivo por un total de 3.600 euros. A través desta axuda, a Deputación colabora co aluguer do piso de acollida que desde a asociación poñen a disposición dos pacientes de cancro e dos seus familiares para que poidan aloxarse de xeito gratuíto mentres reciben os tratamentos oncolóxicos. 

O Presidente puxo en valor o traballo que vén realizando este colectivo ao longo de todo o ano, levando a cabo diferentes actividades informativas, campañas de divulgación, eventos, atención psicolóxica ou obradoiros de autoestima, entre outras accións. 

Somos Unidos naceu no ano 2014 co obxectivo de dar atención e axuda a todas as persoas afectadas de cancro, tanto pacientes como familiares. Traballan no ámbito provincial e ofrecen axuda a calquera persoa que padeza a enfermidade.