Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación adxudica en 530.000€ a instalación de tecnoloxía LED nos 38 concellos adheridos ao ILUMIN@

Xunta de Goberno
A voceira socialista do Goberno deu conta dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno, na que se aprobaron obras e Plans de Seguridade para a mellora de estradas en Palas de Rei, Mondoñedo, Pantón e Chantadacun investimento de 250.000€

No marco do seu apoio ao sector primario, a Deputación deu luz verde a un convenio con ASOPORCEL de preto de 80.000€ para un plan de fomento da produtividade, competitividade e rendibilidade das granxas de porco celta da provincia

A institución provincial achegará 117.000€ ao Concello do Valadouropara varias actuacións, entre elas, a elaboración dun proxecto de construción de máis de 20 vivendas en Ferreira co obxectivo de fixar poboación neste municipio

A voceira socialista da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, informou este venres de que a Xunta de Goberno aprobou adxudicar por preto de 530.000€ a compra e instalación de material eléctrico de tecnoloxía LED dentro do plan Ilumin@, o proxecto co que a institución provincial axuda aos 38 concellos que decidiron sumarse á iniciativa a aforrar na factura eléctrica de instalacións municipais.

O contrato divídese en tres lotes, cada un por unha zona xeográfica da provincia, de maneira que o Lote 1 correspóndese cos concellos de Meira, Burela, A Pastoriza, Riotorto, Lourenzá, Ourol, Mondoñedo, Xermade, O Vicedo, Ribeira de Piquín, Alfoz, Trabada, O Valadouro e Vilalba. O Lote 2 correspóndese con: Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, Cospeito, Friol, Guntín, Láncara, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz e Rábade. E o Lote 3 aglutina aos concellos da Pobra do Brollón, As Nogais, Carballedo, Folgoso do Courel, Monforte de Lemos, O Incio, O Páramo, O Saviñao, Pantón, Quiroga, Samos e Sober.

García Porto lembrou que o plan Ilumin@ está dotado con 723.000€, dos que o 80% son fondos europeos que a Deputación conseguiu a través do IDAE (Instituto de Desenvolvemento de Aforro Enerxético), un organismo dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Con este proxecto, explicou a Deputada, os 38 concellos da provincia que decidiron adherirse cambiarán en total unhas 3.200 luminarias por outras de tecnoloxía LED, o que supoñerá un aforro conxunto de 62.000€ ao ano, isto é, ata un 63% da facturación eléctrica das instalacións municipais nas que se actuará, fundamentalmente alumeados públicos exteriores. Ademais, a tecnoloxía LED permitirá reducir o consumo nun total de 450.000 quilovatios ao ano, o que minimizará tamén a pegada de carbono.

Pilar García Porto subliñou que o plan Ilumin@ “forma parte do obxectivo estratéxico desta Deputación de cooperar cos municipios para que poidan prestar servizos públicos eficientes á cidadanía aforrando custes, pero tamén preservando o medio ambiente”.

Mellora da rede viaria provincial
Por outra banda, a voceira socialista informou de que a Xunta de Goberno aprobou obras e Plans de Seguridade para a mellora de estradas en Palas de Rei, Mondoñedo, Pantón e Chantada cun investimento total de 250.000€.

En concreto, adxudicouse a rehabilitación do firme nun treito de 10 quilómetros da LU-P-4004 ao seu paso por Palas de Rei. O investimento é de 72.240€. Esta estrada provincial une Devesa de Rei cos núcleos de Ribeira e de Xende. Os traballos que se van realizar consisten no saneo da calzada e na posterior aplicación de rego asfáltico. O prazo de execución é de 2 meses. 

Tamén en materia de estradas, a Xunta de  Goberno aproboutres plans de seguridade e saúde no traballo para acometer obras de mellora noutras tantas vías de titularidade provincial.

Trátase da rehabilitación do firme da LU-P-3103, en Mondoñedo, unha estrada que une a parroquia de Lindín con Santa María Maior e que dá acceso á LU-124 e ao ramal ao Campo do Castro. Actuarase entres os puntos quilométricos 7,385 e 8,185, e o investimento ascende a preto de 31.000€. O prazo de execución é dun mes.

Outro dos proxectos beneficiará a estrada LU-P-4102, que une as capitalidades dos concellos de Pantón e O Saviñao, isto é, Ferreira de Pantón e Escairón. Polo tanto, “unha vía de comunicación moi importante para os veciños e veciñas destes dous concellos da Ribeira Sacra”, afirmou García Porto. As obras consistirán tamén na rehabilitación do firme nun treito de tres quilómetros, cun investimento de 120.000€. O prazo de execución é de 6 meses.

En terceiro lugar, a Deputación arranxará a LU-P-1802, en Chantada, a vía que conecta o centro da localidade co encoro de Belesar pasando por Sabadelle.Vaise repoñer o pavimento entre o quilómetro 5 e o 6  cun investimento de 31.581€. O prazo de execución é dun mes. García Porto avanzou que as obras nestas tres estradas provinciais ao seu paso por Mondoñedo, Pantón, O Saviñao e Chantada“arrancarán de inmediato, tendo en conta que os plans de seguridade e saúde aprobados hoxe son o último trámite administrativo necesario para que poidan comezar”.

Apoio ao sector primario
Por outra banda, o Goberno aprobou unha achega de preto de 80.000€ entre este ano e o que vén á Asociación de Criadores de Raza de Porto Celta (ASOPORCEL) para colaborar nun plan de fomento da produtividade, competitividade e rendibilidade das granxas de porco celta.

A voceira socialista explicou que este proxecto de ASOPORCEL impulsado pola Deputación “ten como obxectivo facilitar aos gandeiros e gandeiras as ferramentas necesarias para que as súas granxas acaden a máxima rendibilidade e que a produción teña a mellor saída comercial”. A través deste plan proporcionarase asesoramento e formación dos gandeiros, control da xestión dos aspectos sanitarios de produción, control das medidas de bioseguridade e mantemento das instalacións, e control da trazabilidade da produción e tamén con aspectos comerciais e publicitarios.

“A finalidade última é, polo tanto, profesionalizar o sector, asentar as ganderías existentes e atraer á xente nova a iniciar unha actividade gandeira que resulte atractiva como xeito de vida”, subliñou a Deputada, quen enmarcou esta “colaboración importante  da Deputación con ASOPORCEL no noso apoio ao sector primario como base e motor da economía da provincia, traballando da man do propio sector produtivo e tamén da Universidade. Un sector primario forte, diversificado, innovador e con valor engadido crea emprego sostible e contribúe a fixar poboación no rural”.

A Xunta de Goberno aprobou un convenio co sindicato UXTpor 20.000€ para ofrecer asesoramento a persoas afectadas por ERTE e a persoas desempregadas, “algo que consideramos moi importante para axudar cara unha saída xusta da crise provocada pola pandemia”, indicou Pilar García Porto.

Vivendas no Valadouro
Ademais, saíu adiante un convenio de colaboración a través do que a Deputación achega 114.000 ao Concello do Valadouro para varias actuacións, como a adquisición de bombas de recirculación de auga para a piscina municipal, a adecuación dun inmoble para o uso de centro de día e a elaboración dun proxecto de construción de vivendas en Ferreira do Valadouro. 

A Deputada explicou que este proxecto ten como finalidade “a creación dunha bolsa de vivendas de protección oficial no centro de Ferreira, cerca dos principais servizos: centro de saúde, colexio, Casa da Cultura, parques, restaurantes e comercios locais, o que suporá un incentivo para a actividade económica do Valadouro”. 

“Esta iniciativa municipal que impulsa a Deputación busca fixar poboación nun concello rural, promovendo que as novas xeracións poidan quedarse a vivir en Ferreira e evitar que se vaian a outras localidades”, engadiu.

A previsión inicial é construír 22 vivendas, nun edificio que terá un soto con 22 prazas de garaxe, 22 trasteiros, planta baixa con locais comerciais, 3 alturas e 1 planta baixacuberta. 

Os prezos das vivendas estarán regulados e serán asequibles, co obxectivo de facilitar ao máximo o acceso ás mesmas.

Protección contra incendios e agrupación de terras
Outros asuntos aprobados hoxe na Xunta de Goberno foron a licitación do contrato do servizo de inspección e mantemento das instalacións de protección contra incendios nos edificios dependentes da Deputación por un importe de 57.600€ e dous anos de duración, así como a aprobación de 6 contas xustificativas de axudas concedidas pola institución a través do Plan de Recuperación e Incorporación de Terras para a Posta en Produción de Recursos Agrogandeiros. En total, suman 13.264€ para a posta en produción de case 30 hectáreas nos concellos de Triacastela, Castro de Rei, Cospeito, Begonte e Lugo.