Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Asinado o convenio para a mellora da rede de abastecemento en San Cosme de Barreiros, cun investimento de 175.000 euros da área de Medio Rural

Barreiros
Mónica Freire
abastecemento de auga
sinatura do convenio
A deputada Mónica Freire e a alcaldesa Ana Ermida asinaron o acordo, que prevé que as obras estean rematadas a finais de xuño

Lugo, 29 de outubro de 2020.-  A deputada de Medio Rural, Mónica Freire Rancaño e a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para mellorar a rede de abastecemento de auga potábel na parroquia de San Cosme de Barreiros.

As obras consistirán na instalación dun colector primario transversal, que discorrerá ao longo de máis de 2 quilómetros ao carón da CP-0611 e que subministrará auga aos núcleos de Remior e San Bartolo. Ademais, aproveitando a execución da zanxa principal, levarase a cabo unha pequena rede secundaria paralela ao colector principal que dará servizo a outras sete vivendas.

A alcaldesa de Barreiros explicou que “o concello iniciará agora o procedemento administrativo para licitar as obras que deberán estar rematadas a finais de xuño, de cara ao inicio do verán, cando se ocupan as residencias vacacionais da zona e o servizo de abastecemento soporta unha maior demanda”.

A reforma solventará os problemas de roturas das canalizacións, que se repiten especialmente na época estival xa que a infraestrutura actual non se axusta ás necesidades do incremento de poboación.

A deputada Mónica Freire subliñou que “se trata duha colaboración orientada a mellorar a  calidade dos servizos públicos no rural, na mesma dirección que os investimentos e  plans que vimos desenvolvendo desde esta área”.

Medio Rural achegará 175.000 euros para a execución das obras, orzamentadas en 217.000 euros. O Concello asumirá os 42.000 euros restantes.