Deputación de Lugo

Os veciños de Marrube, no Saviñao, teñen auga corrente grazas a un investimento da Deputación de 182.000€

José Tomé Roca
O Saviñao
encontro-Saviñao.IMG01

O Presidente supervisou a execución dos traballos de dotación da rede de abastecemento a esta parroquia, que a institución provincial financiou integramente

José Tomé destacou que esta colaboración responde ao compromiso da Deputación de “cooperar cos 67 concellos lucenses, teñan a cor política que teñan, para mellorar os servizos públicos dos veciños e veciñas”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou este mércores a execución das obras de dotación dunha rede de abastecemento de auga á parroquia de Santa María de Marrube, no concello do Saviñao, unhas obras que financiou integramente a institución provincial cunha achega de 182.000€ e grazas ás que os veciños e veciñas deste núcleo rural teñen auga corrente.

Durante a visita aos traballos, José Tomé estivo acompañado pola Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o Alcalde do Concello do Saviñao, Juan Carlos Armesto. 

José Tomé lembrou que este proxecto, que “dota dun servizo básico a un cento de veciños e veciñas de Marrube”, é froito dun convenio que o propio Presidente asinou co Alcalde do Saviñao a finais do ano pasado no Pazo de San Marcos, a través do que a Deputación aporta en solitario os 182.000€ necesarios para acometer as obras da rede de abastecemento de auga. O Concello contratou os traballos e ocupouse das memorias técnicas, de aportar os terreos precisos e das autorizacións pertinentes.

O Presidente da Deputación subliñou que este investimento no Saviñao responde “ao noso compromiso de cooperar cos 67 concellos da provincia, teñan a cor política que teñan, para que poidan prestar servizos públicos de calidade e eficientes aos seus veciños e veciñas, o que favorece o seu benestar e contribúe a fixar poboación no rural”. “Dotar de servizos públicos aos veciños e promover o emprego sostible é a mellor política demográfica”, recalcou José Tomé.

Con colaboracións como a do Saviñao, explicou o Presidente, “estamos demostrando que a Deputación é unha administración fundamental para o funcionamento dos concellos e para a prestación de servizos municipais, sobre todo no caso dos máis pequenos, que son a gran maioría da nosa provincia”. 

José Tomé puxo en valor tamén o reparto “equitativo e xusto” dos fondos públicos da Deputación de cara a favorecer “o equilibrio territorial, un dos grandes obxectivos que temos como Goberno”, tanto “a través de investimentos directos da institución, como a través de convenios de colaboración, como, sobre todo, a través do Plan Único, que cada ano inxecta en torno a 20M€ nos concellos con criterios obxectivos e públicos”. Concretamente no caso do Saviñao, o Concello recibe neste ano 2020 a través do Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos case 380.000€ para investir no municipio.

As obras da rede de abastecemento
As actuacións levadas a cabo e financiadas de maneira íntegra pola Deputación para dotar de auga corrente á parroquia de Santa María de Marrube consistiron en instalar unha rede de abastecemento de auga potable dende a conexión da rede do núcleo urbano de Escairón ata cada un dos núcleos rurais da parroquia de Marrube: A Fonxe, Castiñeiras, A Devesa, Eirexe, Felón, Mendreira, Outeiro, A Penela, Saa, Vigo, Vilameá, Vilar e Vilaseco. 

Concretamente, entre os traballos levados a cabo destacan a instalación dunha tubaxe, de tipo ramificado, de polietileno de alta intensidade de 25 mm de diámetro, e dunha válvula de acometida con tapa de fundición resistente ao paso dos vehículos. Deste xeito, todas as vivendas da zona contan con arqueta, con chave de paso. 
 

Encontro-Saviñao.IMG02