Cultura
Deputación de Lugo

O documental Carvalho Calero Sem fronteiras estréase o vindeiro sábado no Pazo de San Marcos

Carvalho Calero
Letras Galegas
Maite Ferreiro
documental
Carvalho Calero Sem fronteiras
A Vicepresidencia promoveu a produción do documental, que repasa a traxectoria e obra do autor homenaxeado polas Letras Galegas

Os centros educativos e bibliotecas municipais recibirán exemplares dunha publicación homónima, con fotografías e textos do autor

Lugo, 28 de outubro de 2020.-   O vindeiro sábado, 31 de outubro, a Vicepresidencia estrea no  Pazo de San Marcos o documental Carvalho Calero. Sem Fronteiras, un percorrido pola vida e obra do autor ferrolán, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. A proxección coincide coa data elixida pola Real Academia Galega para celebrar o Pleno Extraordinario do Día das Letras Galegas, adiado en maio por mor da pandemia.

A Vicepresidenta Maite Ferreiro lembrou que “se trata dunha gran oportunidade para achegarse á figura do autor  e coñecer tanto a súa produción literaria como académica e tamén o seu pensamento. Unha difusión necesaria nun ano coma este, en que a situación sanitaria condicionou toda as actividades que se organizan tanto desde o ámbito cultural como desde o educativo arredor do Día das Letras Galegas”.

A proxección realizarase ás 19.00 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, con entrada libre ata completar a capacidade do espazo, limitada a 60 persoas pola situación sanitaria.  En cumprimento dos protocolos de prevención establecidos pola Deputación de Lugo, as persoas interesadas en asistir á proxeccion deberán reservar previamente o convite a través do correo cultura@deputacionlugo.gal ou achegarse ata o Salón de Actos  dez minutos da estrea.

Carvalho Calero. Sem Fronteiras

O documental, dirixido por Aser Álvarez,  aborda a vida e a obra do autor dende unha perspectiva contemporánea e multidisciplinar. Gravado entre Ferrol, Lugo, Santiago de Compostela e outras localidades de Galiza, Portugal e Madrid, reconstrúe a complexidade e amplitude da figura de Carvalho Calero a través de material de arquivo, de conversas e entrevistas con familiares, expertos, alumnos e discípulos, así como historiadores, outros literatos, académicos, amigos e críticos.

Ademais, o traballo audiovisual inclúe tamén a lectura de fragmentos da obra do autor en diversas localizacións  colaboracións artísticas que lle confiren un carácter popular e divulgativo.

500 libros para os centros educativos e bibliotecas municipais

Carvalho Calero Sem Fronteiras conta cunha publicación homónima que repasa a traxectoria persoal, política, académica e literaria do autor a través dos seus propios textos e de fotografías, parte delas do arquivo familiar. A Vicepresidencia distribuirá 500 exemplares do libro entre as bibliotecas municipais e os centros educativos da provincia, co obxectivo de proporcionar recursos para ampliar o coñecemento da biografía e obra do intelectual ferrolán.