Deputación de Lugo

O Presidente supervisa a mellora do campo de fútbol de adestramento de Lourenzá, no que a Deputación inviste 255.000€

José Tomé Roca
Lourenzá
Trabada
José Tomé explicou que a dotación de céspede artificial ao terreo de xogo, que estará rematada a finais de novembro, favorece a práctica deportiva dos máis de cen rapaces de distintos equipos e categorías que usan estas instalacións a diario

A Deputación realizou melloras con medios do Parque Móbil en pistas, camiños e accesos das parroquias de Santo Tomé e San Adriano, aforrándolle ao Concello uns 153.000€

O mandatario provincial comprobou en Trabada as obras de mellora da accesibilidade noCentro de Atención a Maiores e no Centro Etnográfico municipal, ás que a institución destinou 90.000€ a través do Plan Único

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou este martes as obras de dotación de céspede artificial ao campo de fútbol de adestramento de Lourenzá, que contan cun investimento da institución provincial de 255.000€. Fíxoo durante a visita que realizou esta mañá ao municipio, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e a Alcaldesa, Rocío López García. 

José Tomé explicou que Lourenzá conta con dous campos de fútbol -un para disputar partidos e outro de adestramento- que teñen céspede natural, feito que limita as horas de emprego. “Para favorecer a práctica deportiva dos máis de 100 rapaces de distintos equipos e categorías que usan estas instalacións a diario, dótase de herba artificial a un deles”, subliñou Tomé Roca, quen enmarcou esta colaboración económica no compromiso da institución coa cooperación cos concellos para dotar e mellorar os servizos públicos dos veciños e veciñas”, subliñou o Presidente.

Os traballos, que se están levando a cabo actualmente, consisten no movemento de terras e escavación en baleirado para a instalación do firme e dos pavimentos; drenaxe con canaletas nos laterais do campo, tubaxes de PVC e arquetas de fábrica de ladrillo, e  bordos de formigón nos fondos do campo. En canto á pavimentación, esta levará un tratamento superficial de base herbicida e base de zahorra artificial de 20 cm. 

Así mesmo, dotarase dunha rede de rego con aspersores emerxentes, depósito prefabricado enterrado de 20m3e un grupo de bombeo. Por último, instalarase unha estrutura para balóns de 6ms de altura e 4 picas de córner. As obras estarán rematadas a finais de novembro. 

Casa da Xuventude de Lourenzá

Máis actuacións na Casa da Xuventude
O Presidente visitou tamén a Casa da Xuventude de Lourenzá, pois a Deputación vén de asinar un convenio de colaboración co Concello por valor de 50.000€ para realizar melloras na fachada do edificio. Concretamente, as actuacións consistirán na súa impermeabilización para acabar coas filtracións de auga. Estas obras son moi importantes porque no inmoble sitúase o PAI (Punto de Atención á Infancia) da localidade e tamén se desenvolven actividades para a veciñanza ao longo do ano. O convenio tamén inclúe a construción dun depósito de auga contra incendios en Cadros, na parroquia de Santo Tomé, para combater lumes forestais.

Obras co Parque Móbil
Tamén en Lourenzá, a Deputación de Lugo realizou melloras en 23.000 m2 de pistas, camiños e accesos nas parroquias de Santo Tomé e San Adriano. Estes traballos consistiron na emulsión dun triplo rego asfáltico, que se realizou cos medios do Parque Móbil, dependente de Xestión Territorial, área da que Tomé Roca é responsable directo. O valor no mercado destes labores ascende a uns 153.000€, unha importante cantidade económica que a institución provincial aforrou ao Concello para poder investir noutras necesidades da localidade.

Mellora da mobilidade en Trabada
Na súa visita á Mariña, José Tomé supervisou tamén varias actuacións financiadas pola Deputación no concello de Trabada. Acompañado da Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Contas, e Alcaldesa da localidade, Mayra García Bermúdez, o Presidente comprobou as melloras na accesibilidade feitas nos accesos á residencia de maiores e ao Centro Etnográfico. 

Por un lado, renováronse as beirarrúas da rúa onde está situado o Centro de Atención a Maiores da Deputación e dotouse dunha nova, pola marxe esquerda, á rúa Ría de Abres. 

Por outra banda, no entorno do Centro Etnográfico creáronse varios muros de contención, pavimentáronse con plaquetas os accesos e con formigón a praza, rehabilitouse unha fonte de auga e instalouse unha varanda metálica. Así mesmo, dotouse dun novo sistema de evacuación de augas pluviais e dun peche de ladrillo entre os pilares da parte posterior. En total, estes traballos contaron cun investimento provincial de 90.000€ a través do Plan Único da Deputación.