Cultura
Deputación de Lugo

O Presidente participa na inauguración dunha mostra sobre o arquitecto Domingo de Andradena praza de San Marcos

Exposición
A exposición, que se poderá visitar ata o día 5 de novembro, está organizada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e inclúe 24 paneis divididos en oito prismas que fan un repaso pola obra do arquitecto

José Tomé salientou a versatilidade e a calidade do traballo de Andrade, que “lle ten garantido un capítulo propio na Historia da Arte, como un dos grandes do Barroco”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este venres na inauguración da exposición Domingo de Andrade. Xenio e Oficio, que acolle a Praza de San Marcos e que está organizada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) con motivo do Día das Artes Galegas 2020. Ao acto acudiu a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, a xefa territorial de Cultura da Xunta en Lugo, María José Gómez Rodríguez, a presidenta da delegación en Lugo do COAG, Carmen Figueiras Lorenzo, e a comisaria da exposición e académica da Real Academia Galega de Belas Artes, Ana Goy Diz. 

Tomé Roca salientou a versatilidade do arquitecto e a calidade do seu traballo, que “lle ten garantido un capítulo propio na Historia da Arte, como un dos grandes do Barroco, ese estilo que, en Galicia, debido quizais á morfoloxía do granito, combina dun xeito singular co noso Románico e xera unha paisaxe singular, propia da nosa terra”.

“Andrade foi, non só un grande artista, senón tamén un artista que deixou unha fonda pegada na súa terra. A morfoloxía do rural galego non sería a mesma sen eses centos de campanarios que, dende a súa modestia, renden homenaxe á torre do Reloxo de Santiago. Son unha sorte de faros en terra que conectan entre si a todos os galegos e galegas”, asegurou o Presidente.

José Tomé afirmou así mesmo, que, “por desgracia, a meirande parte do traballo feito por Andrade en Lugo perdeuse en reformas posteriores, o que nos leva de novo a reflexionar en torno a cuestións de tanta actualidade, como a necesidade de conxugar o dinamismo ou a expansión social con políticas de conservación que protexan o noso patrimonio cultural”.

A exposición sobre a figura de Domingo de Andrade poderá visitarse na Praza de San Marcos ata o vindeiro 5 de novembro. Trátase dunha colección de 24 paneis divididos en oito prismas, onde se amosa, con imaxes fotográficas, planos e textos, a longa traxectoria das obras e os proxectos que Domingo de Andrade realizou en localidades como Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Oseira, Sobrado ou Tui.