Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación colabora con AFA Chantada para o servizo de transporte de 10 persoas con alzheimer

alzheimer
AFA Chantada
A institución provincial destina 12.000 euros á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Chantada para prestar este servizo a persoas e familias que sofren esta doenza, sobre todo en zonas rurais

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente de AFA Chantada (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer), Enrique Rojo Rojo, asinaron un convenio de colaboración polo cal o organismo provincial achega 12.000 euros ao colectivo para o servizo de transporte de 10 usuarios e usuarias no concello de Chantada, sobre todo en zonas rurais. 

José Tomé subliñou que “colaboramos con esta entidade social porque consideramos fundamental axudar aos veciños e veciñas que sofren esta enfermidade, así como ás súas familias, que en moitas ocasións son as grandes esquecidas”. 

Neste senso, o Presidente puxo en valor “o esforzo e traballo que fan os colectivos sociais, como por exemplo AFA Chantada, prestando atención profesional ás persoas que máis o necesitan, nunha provincia como a de Lugo, envellecida e cunha dispersión xeográfica tan grande que complica a atención”.

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Chantada é un colectivo sen ánimo de lucro que ten como fin que os doentes acaden o maior grado de autonomía posible e potenciar as relacións e actividades socias, para evitar o illamento social. O colectivo desenvolve diariamente obradoiros de memoria, estimulación cognitiva e exercicios de ximnasia no seu centro terapéutico. Ademais, ofrece ás familias acompañamento e apoio psicolóxico.