Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación divulga os valores da Reserva Terras do Miño cunha actividade de educación ambiental sobre os morcegos

Reserva Terras do Miño
educación ambiental
Dez persoas participaron este sábado na Casa das Insuas no obradoiro, que forma parte do labor de conservación e xestión das Insuas do Miño e Ollos de Begonte, que a institución provincial ten encomendado á Asociación Galega de Custodia de Territorio

A Casa das Insuas de Rábade acolleu este sábado a actividade de educación ambiental Morcegos en Familia, organizada no marco do labor de conservación, divulgación e xestión dos espazos naturais das Insuas do Miño e Ollos de Begonte que a Deputación ten encomendado á Asociación Galega de Custodia do Territorio.

Nesta actividade de estudio da natureza e sensibilización sobre os valores naturais da Reserva da Biosfera Terras do Miño participaron 10 persoas, que percorreron as Insuas do Miño e coñeceron a importancia das especies da fauna e flora deste entorno. Tamén tiveron a oportunidade de observar especies de morcegos nalgunhas das caixas que ten instaladas no territorio a Asociación Drosera, unha entidade medioambiental que colaborou nesta charla de sensibilización sobre a conservación da biodiversidade de Terras do Miño. A actividade realizouse respectando en todo momento a normativa e recomendacións vixentes para previr o contaxio daCovid.

Custodia do Territorio
A Deputación de Lugo vén de seleccionar a través dun procedemento de concorrencia competitiva á Asociación Galega de Custodia do Territorio para a conservación, divulgación e xestión das Insuas do Miño e Ollos de Begonte, un territorio de 112 hectáreas de titularidade da institución provincial, que alberga zonas de grande interese ambiental. A institución provincial achega 25.000€ ao ano por este contrato, que ten unha duración de catro anos.

Este acordo ten como finalidade cumprir co obxectivo de conservación do patrimonio natural e a biodiversidade, incluído no Plan de Acción da Reserva da Biosfera Terras do Miño da Deputación de Lugo, e que comprende accións de conservación dos hábitats naturais, de especies de interese e dos agrosistemas tradicionais, así como a adaptación ou mitigación do cambio climático e o control de especies invasoras.