Medio ambiente

A Deputación colabora coa Real Academia Galega de Ciencias para a nova edición do ciclo de conferencias Luis Asorey

Luis Asorey
O organismo provincial destina 4.000 euros á entidade para a celebración das xornadas, organizadas por Deputación e RAGC, coa colaboración da USC, que terán lugar a finais de novembro no Pazo de San Marcos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Manuel Lema Rodicio, asinaron no Pazo de San Marcos o convenio de colaboración por valor de 4.000 euros entre a institución provincial e a entidade para a celebración do ciclo de conferencias Luis Asorey. Trátanse dunhas xornadas gratuítas, organizadas pola Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, e que cada ano aportan a análise de expertos no campo das ciencias medioambientais. 

José Tomé salientou que a colaboración económica do organismo provincial permite que se celebre un ano máis dito congreso, “dentro do noso firme compromiso coa divulgación e investigación científica, sobre todo no ámbito da sostibilidade medioambiental”. 

Neste eido, o Presidente explicou que a Deputación ten en marcha varios proxectos como o plan Life Lugo+Biodinámico e o aproveitamento sostible dos montes da Serra do Xistral. “Estas iniciativas están enmarcadas na nosa aposta decidida por xerar oportunidades económicas e de emprego no noso rural, impulsando ao mesmo tempo o desenvolvemento urbanístico e territorial sostible”, destacou o mandatario provincial. 

O ciclo Luis Asorey desenvolverase a finais de novembro no salón de actos da Deputación. As sesións divulgativas son de acceso libre e gratuíto ata completar o aforo, que será restrinxido para cumprir cos protocolos da Covid-19. 

Na memoria de Luís Asorey García
A Real Academia Galega de Ciencias acordou dedicar este ciclo de conferencias á memoria do Dr. Luís Asorey García, prestixioso médico que desenvolveu a súa actividade profesional durante moitos anos na cidade de Lugo e que foi Académico, Secretario e Vicepresidente da Real Academia Galega de Ciencias.