Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación, referente na Semana Europea das Rexións polo seu modelo asistencial e de atención aos maiores

Semana Europea
maiores
O Presidente explicou no maior evento anual de política rexional de Europa a Rede de Protección Social da institución provincial, compartindo a súa experiencia no desenvolvemento e implantación de enfoques innovadores elaborados á medida para dar a mellor resposta á realidade social dos 67 concellos lucenses

A Deputación de Lugo foi seleccionada entre máis de 6.000 candidaturas para liderar neste encontro un seminario sobre o desafío europeo do envellecemento activo post Covid-19

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, expuxo este martes no marco da Semana Europea de Rexións e Cidades 2020 o modelo asistencial e de atención aos maiores da institución provincial, seleccionada entre máis de 6.000 candidaturas para liderar neste encontro, o maior evento anual de política rexional de Europa, un seminario sobre o desafío europeo do envellecemento activo post Covid-19 celebrado por vía telemática. 

Tomé Roca debullou polo miúdo a Rede de Protección Social provincial, que presta servizo a persoas maiores en situacións de vulnerabilidade, realiza accións de prevención da dependencia e favorece o envellecemento activo. Compartiu a experiencia da Deputación no desenvolvemento e implantación de enfoques innovadores elaborados para dar a mellor resposta á realidade social dos 67 concellos da provincia de Lugo.

Na súa intervención, o mandatario provincial fixo unha radiografía da situación da provincia e das principais características da súa poboación: máis do 29% dos habitantes supera os 65 anos e a maioría concéntrase no rural. Estas particularidades, explicou Tomé Roca, son as que marcan as políticas sociais, que perseguen aumentar os niveis de benestar da poboación, contribuíndo a lograr unha sociedade máis igualitaria. “A nosa liña de traballo céntrase na atención ás persoas, a cooperación coas familias e o desenvolvemento dun modelo de centros de maiores propio”, explicou. 

Nesa liña, manifestou o Presidente que dende a Deputación de Lugo “entendemos que o envellecemento activo se consegue dunha maneira máis eficaz se vinculamos novas pautas de conduta ou hábitos de vida á contorna tradicional do usuario, sempre que é posible, consiste en facilitarlle á persoa maior a permanencia no seu propio fogar”. 

Neste senso, o Presidente expuxo os tres piares da Rede de Protección Social da Deputación: a colaboración cos concellos para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar; a prestación do servizo de teleasistencia as 24 horas do día os 365 días do ano; e os centros públicos de atención a maiores, marcados por unha “filosofía propia”. “Trátase dun modelo de xestión das residencias público, próximo, de calidade asistencial, que pon no centro ás persoas. Un sistema que favorece o benestar, a calidade  de vida e a tranquilidade dos maiores e das súas familias, e que, ademais, ten un retorno económico importante na zona na que se implanta, pois crean emprego sostible e contribúen así a fixar poboación”, explicou o Presidente. A eficacia deste modelo de xestión, subliñou José Tomé, “que xa viña corroborada polas experiencias de usuarios, familias e profesionais, quedou de novo de manifesto coa chegada da Covid-19”.

A Deputación de Lugo foi seleccionada entre máis de 6.000 candidaturas para participar na Semana Europea das Rexións e das Cidades 2020, unha plataforma de comunicación e traballo en rede que agrupa rexións e cidades de toda Europa, incluíndo os seus representantes políticos, funcionariado, e expertos e académicos, co obxectivo de promover a aprendizaxe de políticas e o intercambio de boas prácticas.

A institución provincial propuxo neste encontro europeo a discusión dos retos comunitarios sobre o envellecemento activo e saudable ante a crise de saúde global provocada polo coronavirus Covid-19, na que o colectivo das persoas maiores é o máis afectado, e no marco do compromiso da Deputación co benestar dos maiores da provincia.

 

Vídeo do encontro da Semana Eurepea das Rexións e Cidades 2020 https://euregionsweek2020-video.eu/video/the-european-challenge-of-active-ageing-post-covid-19

Intervención íntegra do Presidente da Deputación de Lugo na Semana Europea de Rexións e Cidades 2020 (PDF)