Medio Rural e do Mar, Mocidade
Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación colabora con 150.000€ nunha solución para a problemática de Ponte Ribeira en Sarria

José Tomé Roca
Ponte Ribeira
Sarria
Firma do convenio de Sarria.IMG01

O Presidente asinou este martes o convenio co Alcalde do Concello sarriano a través do que formaliza a achega económica da institución provincial para acometer unhas obras de gran relevancia social

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o Alcalde de Sarria, Claudio Garrido, asinaron este martes en San Marcos un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega 150.000€ para dotar dunha solución á problemática da Ponte Ribeira.

Tomé Roca materializou desta maneira o compromiso adquirido coa veciñanza deste municipio no mes de xuño cando se trasladou a Sarria para asinar o protocolo desta actuación. “Neste novo convenio mantemos a mesma achega económica que no anterior. Son 150.000 euros, un investimento importante, que terá tamén un impacto moi importante para Sarria. Contempla a construción dunha pasarela metálica provisional, un estudo hidrolóxico de capacidade de desaugue e o acondicionamento da contorna de Ponte Ribeira”, explica o Presidente. 

Esta acción na Ponte Ribeira mellorará a mobilidade dos veciños e veciñas, e polo tanto, a súa calidade de vida, pero tamén terá un efecto positivo na actividade económica e nos moitos peregrinos que visitan este municipio.

“Creo que as institucións, e quen as representamos, temos que cumprir a palabra dada. Temos que ter sempre un compromiso de proximidade e de eficiencia. Estamos ao servizo da cidadanía, e debemos escoitar as súas necesidades e ter en conta as súas propostas á hora de deseñar as nosas actuacións”, expuxo Tomé Roca.

Ademais, o mandatario provincial reafirmou a idea de que a Deputación de Lugo é o Concello dos Concellos. “Unha institución que escoita e que traballa para mellorar os servizos e infraestruturas de todos os concellos da provincia de Lugo, dos 67. Unha institución na que sempre buscamos a cooperación, traballar xuntos na mellora do presente e no deseño do futuro”.