Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación abre o luns o prazo para que mozos e mozas da provincia opten a 14 contratos laborais dentro do plan Prende!

Xunta de Goberno
Prende
A Xunta de Goberno aprobou este venres a primeira remesa de empresas beneficiarias das axudas directas á contratación que ofrece o organismo provincial no marco do seu programa dirixido a fixar poboación moza no rural favorecendo a inserción laboral

Os perfís profesionais que buscan estas firmas son: 1 peón forestal, 2 axudantes de camareiro/a, 1 fontaneiro/a, 4 peóns de gandería, 2 camareiros, 1 administrativo, 1 peón agrícola, 1 bodegueiro/a e 1 oficial de gandería

Aprobado o Plan de Seguridade e Saúde no Traballo para acometer o proxecto de sinalización do patrimonio cultural da Reserva dos Ancares Lucenses, o que permitirá iniciar nuns días estes traballos, que impulsarán o turismo sostible neste territorio

A voceira socialista do Goberno da Deputación, Pilar García Porto, informou de que a Deputación abrirá o vindeiro luns a través da Axencia de Colocación a convocatoria para que mozos e mozas de entre 16 e 30 anos dos 58 concellos con menos poboación da provincia poidan optar a 14 contratos laborais dentro do plan de emprego xuvenil Prende! Bota Raíces no Rural, impulsado pola institución provincial para fixar poboación. O prazo permanecerá aberto ata o 2 de outubro.

O plan Prende! conta con dúas fases. Na primeira, xa rematada, medio cento de mozos e mozas recibiron formación en  catro actividades profesionais cun importante peso no tecido produtivo da provincia e que contan cun gran potencial de crecemento: enerxías renovables, hostalería e turismo, xestión forestal e agricultura e gandería.

Na segunda fase, que arranca agora, o obxectivo é, logo da formación teórica, proporcionar experiencia laboral aos mozos e mozas en empresas vinculadas cos anteriores sectores. García Porto lembrou que, para elo, a Deputación abriu a principios de xullo unha convocatoria de axudas directas á contratación dirixidas a empresas e emprendedores. En total, 21 empresas e autónomos da provincia recibirán 125.000€ para contratar a 21 mozos e mozas durante 12 meses.

A voceira provincial socialista explicou que hoxe a Xunta de Goberno aprobou a primeira remesa de empresas beneficiarias, un total de 15, que buscan os seguintes perfís profesionais: 1 peón forestal, 2 axudantes de camareiro/a, 1 fontaneiro/a, 4 peóns de gandería, 2 camareiro e 1 administrativo, 1 peón agrícola, 1 bodegueiro/a e 1 oficial de gandería.

Mañá publicarase este listado no Boletín Oficial da Provincia e o luns abrirase a convocatoria, a través da Axencia de Colocación, para que os interesados se inscriban e poidan optar a un destes postos de traballo. O prazo remata o 2 de outubro. 

Poderán concorrer aos contratos mozos e mozas de entre 16 e 30 anos de idade, inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, e empadroados nos 58 concellos lucenses que teñen menos de 5.000 habitantes ou entre 5.000 e 10.000 cun saldo demográfico negativo na última década. Poden inscribirse todas as persoas que cumpran cos requisitos, aínda que terán prioridade os participantes na primeira fase do programa Prende!

Unha vez que remate o prazo de inscrición, a Axencia de Colocación da Deputación fará unha preselección dos perfís que mellor se adapten ás ofertas de traballo, para que, finalmente, sexan as empresas as que seleccionen o aspirante ao emprego. 

Os traballadores e traballadoras contratados percibirán como mínimo 950€ ao mes.

O plan Prende! Bota Raíces no Rural conta cun orzamento de case 300.000 euros, financiado ao 92% con fondos europeos.

Plan de sinalización da Reserva dos Ancares

Por outra banda, Pilar García Porto informou de que a Xunta de Goberno aprobou o Plan de Seguridade e Saúde no Traballo do proxecto da Deputación para a sinalización do patrimonio cultural da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá. Trátase do último trámite administrativo previo para acometer os traballos, que de feito comezarán os vindeiros días e prevese que estean rematados en novembro.

Este plan de sinalización é froito dun acordo do órgano de xestión da Reserva dos Ancares, que preside a institución provincial, un proxecto, subliñou a Deputada, que se enmarca “no noso compromiso de favorecer a conservación deste territorio, pero tamén de visibilizalo, de poñelo en valor e de promover o seu desenvolvemento económico sostible, sobre todo a través do sector primario e do sector do turismo”.

Precisamente, argumentou García Porto, “unha das actividades económicas que máis proxección ten na Reserva da Biosfera dos Ancares é o turismo.Por iso, unha boa sinalización como a que vamos a instalar, que informa aos visitantes de como chegar aos distintos lugares de interese e que aporta información sobre o seu patrimonio cultural, é un factor clave para poñer en valor este enclave, e deste xeito, dar visibilidade e dinamizar a actividade turística, a través dun modelo sostible, non masificado, seguro, de calidade e natureza”.

“Na Deputación temos unha aposta clara por reforzar este tipo de turismo fronte á crise da Covid-19, como demostramos con moi diversas medidas, as máis recentes: a colaboración co I Congreso Nacional de Turismo Experiencial que acollemos neste Pazo de San Marcos; a compra de novas parcelas para crear o Parque Central de Galicia en Antas de Ulla ; ou a presentación dun plan para optar a fondos do Estado por importe de ata 3M€ co fin de impulsar o xeodestino Ancares-Caurel”, asegurou a voceira socialista do Goberno provincial.

A sinalización da Reserva dos Ancares, que conta cun orzamento de 13.000€, consistirá na colocación e maquetación de paneis informativos e orientativos, de aceiro e chapa galvanizada, con postes de madeira.
No concello de Becerreá sinalizaranse as pontes de Gatín e de Cruzul, e o castro de Santa María.En Cervantes, instalaranse indicadores na necrópole megalítica da Pena dos Mouros e nos petróglifos de Campa do Barreiro.E no concello de Navia sinalizarase o dolmen de Ferreirúas e o castro de Pin.

A sinalización seguirá o contemplado no Manual de Sinalética da Rede Española de Reservas da Biosfera, aprobado polo Organismo Autónomo de Parques Nacionais; así como o Manual de Sinalización Turística Homologada nas estradas estatais e o Manual de Sinalización Turística de Galicia. 

Ratificación dos premios Lugo Cambia ao turismo e á hostalería

A Xunta de Goberno ratificou o acordo que adoptou por unanimidade a semana pasada o Consello Provincial de Turismo sobre os gañadores da primeira edición dospremios Lugo Cambia ao turismo lucense, e ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense.O acto de entrega dos galardóns será o vindeiro domingo, 27 de setembro, ás 12.00h, no Salón de Actos da Deputación.

Os gañadores da primeira modalidade son o Concello do Vicedo, a asociación de desenvolvemento rural Serra do Courel e a Fundación Uxío Novoneyra. Na segunda modalidade, os recoñecementos son para a aplicación Xantarda e o restaurante Cantábrico da Fonsagrada.

500.000 para renovar e arrendar equipamento informático

A Xunta de Goberno aprobou a licitación do contrato para o subministro de equipamento e material informático da Deputación. Son 95.000 euros para a renovación dos equipos informáticos das diferentes dependencias da institución provincial, como ordenadores de mesa e portátiles, así como compoñentes hardware que permitan ampliar a capacidade de memoria. 

Tamén aprobou a licitación do contrato para o arrendamento de equipos de impresión, copia e escáneo da Deputación, cunha duración de dous anos e por un importe de 403.000€.

40.000 euros para celebrar Equigal

O organismo provincial aprobou o convenio de colaboración entre a Deputación e a Fundación Feiras e Exposicións de Lugo para a celebración de Equigal, o Salón Internacional do Cabalo de Galicia. Trátase dunha axuda de 40.000 euros, que converte á Deputación na principal patrocinadora deste evento, que contará con 300 profesionais e que se emitirá en streaming para todo o mundo. 

40.000 euros en remanentes do Plan Único 2019

Por outra banda, a Xunta de Goberno deu luz verde á solicitude dos concellos de Taboada, A Fonsagrada e Chantada para aplicar remanentes do Plan Único 2019 por un importe conxunto de preto de 40.000€. Concretamente, son 14.673 euros en Taboada, para a pavimentación dos accesos aZoas; 10.874 euros na Fonsagrada, para a retirada de instalación e división de interiores da Casa consistorial; e outros 14.194 euros en Chantada, para rehabilitar a rúa do núcleo de Centulle.

Melloras da rede viaria provincial en Palas de Rei

A Deputación aprobou este venres o Plan de Seguridade e Saúde no Traballo para a rehabilitación do firme da LU-P-4009, de Ribeira por Vilaseñor a Rampla de Covelo, en Palas de Rei. Os traballos, que consistirán no acondicionamento da vía con grava, realizaranse nun tramo de máis de 5 quilómetros, dende os punto quilométrico 0 ao 5,287. Esta obra conta cun investimento de 37.510 euros e prevese que estea rematada en decembro.