Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente defende un turismo sostible e de calidade no I Congreso Nacional de Turismo Experiencial

José Tomé Roca
Congreso Nacional de Turismo Experiencial
turismo
Congreso Nacional de Turismo
José Tomé inaugurou este mércores o evento que acolle esta semana o Pazo de San Marcos e co que colabora a institución provincial, o Concello de Lugo e a Xunta

O Presidente salientou a aposta decidida da Deputación por converter a provincia “nun destino turístico de calidade, non masificado, de contacto respectuoso coa natureza e que resulte sostible no tempo. Un modelo que se converte nun motor de desenvolvemento económico e que contribúa ao equilibrio territorial”

O evento combina o formato presencial, con conferencias no Pazo de San Marcos, e o virtual, ofrecendo a posibilidade de seguir as charlas por streamingdunha cincuentena de expertos e profesionais do sector. Están inscritas máis de 1.000 persoas

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou este mércores, no salón de actos, do Pazo de San Marcos o I Congreso Nacional de Turismo Experiencial que se celebra esta semana en Lugo e co que colabora a institución provincial, o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia. Fíxoo xunto á Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, ao Vicepresidente Primeiro da Xunta, Alfonso Rueda Valenzuela, e á CEO deExperiencias del Destino, María Crespo Castro. 

O Presidente salientou a aposta decidida da Deputación de Lugo por converter a provincia nun destino turístico de calidade, non masificado, de contacto respectuoso coa natureza e que resulte sostible no tempo. “Un modelo capaz de poñer en valor o patrimonio histórico, monumental, natural, gastronómico, cultural ou etnográfico de todos os enclaves da nosa provincia. Un modelo que respecta a realidade e as características da provincia e das súas xentes, e que se converte, nun motor de desenvolvemento económico que contribúe ao equilibrio territorial e á igualdade de oportunidades dos veciños e veciñas. Porque o turismo é unha ferramenta eficaz na loita contra o despoboamento e un mecanismo que axuda a fixar poboación en provincias de carácter rural como a nosa”, subliñou.

José Tomé puxo en valor o traballo da Deputación, en colaboración cos concellos da provincia, nestes últimos anos, e subliñou que “hoxe, e sobre todo tendo en contaa situación provocada pola crise sanitaria, o reto consiste en reforzar e ampliar a política en materia de turismo que xa viñamos impulsando. Por iso, decidimos arrimar o ombreiro para que Lugo puidese acoller este primeiro Congreso Nacional de Turismo  Experiencial”.

“Esta é unha ocasión inmellorable para lembrar que temos que volver ás orixes do turismo. Un hábito social que naceu no século XIX, como parte do Romanticismo, o movemento cultural que puxo en valor os sentimentos. Os primeiros viaxeiros desprazábanse para sentir, para emocionarse, para desenvolver experiencias novas, singulares, alleas á súa vivencia cotiá. Este evento contribúe precisamente a recuperar esa filosofía, un tipo de turismo para a nosa provincia de Lugo ten un gran potencial”. 

Neste eido, o mandatario provincial destacou que na provincia “podemos volver a principios do século XX no museo do ferrocarril de Monforte, navegar en catamarán ou sobrevoar en globo os canóns do Sil, descubrir que os nosos 100 quilómetros de costa teñen unha praia das Catedrais; que temos unha rede de camiños xacobeos a Santiago con máis de 800 quilómetros; Reservas da Biosfera na maior parte do territorio e patrimonios da humanidade únicos como a Muralla de Lugo”. 

Para rematar, o Presidente aproveitou a ocasión para convidar aos participantes a visitar a provincia e destacou que “en calquera punto de Lugo, sentar á tardiña, nunha terraza, a gozar da posta de sol, da gastronomía local e da conversación, convértese nunha experiencia inesquecible. Os lucenses somos xente hospitalaria, aberta, que nos gusta compartir mesa, petisco e historias cos amigos. E amigos son, desde o momento en que poñen o pé nesta terra, todos os que nos visitan”. 

Máis de 50 expertos e 1.000 inscritos
O I Congreso Nacional de Turismo Experiencial busca ser un referente no que abordar novos retos, ofrecer solucións, analizar casos de éxito e dotar das ferramentas necesarias a profesionais para que aproveiten as oportunidades do entorno local a través dun emprendemento sostible. Converténdose nun punto de encontro para profesionais, emprendedores, técnicos, produtores locais, estudantes, guías, investigadores, medios de comunicación e apaixonados do turismo e a cultura en xeral.

Esta primeira edición combina o formato presencial, con conferencias no Pazo de San Marcos, e o virtual, ofrecendo a posibilidade de seguir as charlas por streaming de máis de 50 expertos e profesionais do sector. Concretamente, están inscritos 20 persoas no modelo presencial, para cumprir os protocolos anticovid; e máis de 1.000 persoas no formato online, procedentes de varios países de Europa e América.  

Lugo Experience
Aos participantes nestas xornadas dáselles a oportunidade, este fin de semana, de amosar e promocionar as súas actividades no Lugo Experience. Dito evento será un escaparate de experiencias da provincia de Lugo que poderán ver os asistentes aocongreso, os visitantes e a veciñanza da provincia. Será unha oportunidade de vivir e desfrutar durante toda unha fin de semana dos recursos turísticos, culturais, patrimoniais, gastronómicos, etnográficos e medioambientais que existen na provincia. Todas as actividades de Lugo Experience serán sostibles coa contorna e seguras para todas as persoas asistentes, cumprindo coas máximas medidas hixiénico-sanitarias indicadas polas autoridades sanitarias.