Deputación de Lugo
Innovación e TIC

O Presidente supervisa o plan de actuación fronte á Covid-19 para un curso seguro no Centro de Formación de Audiovisuais

José Tomé Roca
Centro Formación Audiovisuais
cursos
José Tomé subliñou que a Deputación traballou con “previsión e anticipación para poder comezar as clases con normalidade e na data prevista, o vindeiro luns”. Na liña da súa actuación fronte ao virus, a institución provincial extremou a prevención superando mesmo as medidas establecidas polas autoridades sanitarias e educativas

“Temos un modelo público de servizos que ofrece seguridade e tranquilidade aos seus usuarios e usuarias. Sucede coa rede de centros de maiores e tamén co centro de formación do Servizo de Audiovisuais”, destacou o mandatario provincial

O plan de prevención, que leva consigo un Certificado de Espazo Controlado Covid logo da auditoría realizada por un servizo de prevención alleo á Deputación, contempla a reorganización de horarios para crear grupos estables de convivencia de mañá e tarde que reduza o número de contactos e facilite o rastrexo ante un posible caso de infección

Adquiríronse pupitres individuais, uníronse dúas aulas nunha e habilitouse o salón de actos para clases ordinarias co fin de gañar espazo e todas as dependencias teñen dispensadores de xel hidroalcólico e papeleiras

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, supervisou este xoves o Plan de Actuación fronte á Covid-19 que preparou a institución para o Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais de cara ao inicio do curso, o 17 de setembro. O máximo responsable provincial, que estivo acompañado pola Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Promoción Económica e Social, PabloRivera Capón, no seu percorrido polas instalacións do centro, subliñou que, na liña da súa actuación para minimizar riscos de contaxio e propagación do virus, a Deputación extremou a prevención superando mesmo as medidas establecidas polas autoridades sanitarias e educativas e poder ofrecer así un entorno seguro ao alumnado, os docentes e demais persoal do centro.


José Tomé destacou tamén que a Deputación volve a demostrar que “traballamos con previsión e anticipación, o que nos permitiu comezar as clases con normalidade e na data prevista”, unha actuación que contrasta coa da Xunta, que, lembrou, tivo que retrasar a última hora o inicio do curso de Secundaria e FP porque non adoptou a tempo as medidas necesarias.


“Temos un modelo público de servizos que ofrece seguridade e tranquilidade aos  seus usuarios e usuarias. Sucede coa nosa rede de centros de maiores e tamén con este centro de formación do Servizo de Audiovisuais”, destacou o mandatario provincial.


O Presidente avanzou que “antes de que comece o curso recibiremos a Certificación de Espazo Controado Covid-19, logo de que un servizo de prevención alleo á Deputación realizase unha auditoría presencial no centro”.


Así mesmo, o plan de adaptación fronte á Covid-19, elaborado polo centro e avalado polo servizo provincial de Prevención, contempla, entre outras medidas, a adquisición de novo mobiliario para garantir a distancia mínima de 1,5 metros entre as persoas; a creación de grupos estables de alumnos e profesores para reducir o número de contactos; e a habilitación de tres aulas con espazo suficiente para respectar a distancias.

Grupos estables de convivenciae distancia interpersoal
O curso comezará con 59 alumnos. Fíxose unha reorganización de horarios para crear grupos estables de conviencia, de mañá e tarde, cos mesmos alumnos e profesores en cada quenda, coa finalidade de reducir os contactos e posibilitar o rastrexo de maneira máis rápida e sinxela ante un posible caso de infección. 


Para garantir unha distancia mínima interpersoal de 1,5 metros, a Deputación adquiriu pupitres individuais, xa que ata a chegada da pandemia empregábanse mesas de dúas prazas. Haberá tres aulas con espazo suficiente para que se respecte a distancia entre pupitres. Para iso uníronse dúas aulas nunha e habilitouse o salón de actos para impartir clases ordinarias.


A entrada ao centro será pola porta principal e a saída pola porta da sala de café para evitar concentracións de persoas. Establecéronse percorridos de fluxo de circulación nos corredores e nas zonas comúns e reduciranse ao mínimo os desprazamentos de grupos de alumnos. Ademais, para a realización de prácticas utilizarase unha das aulas de maior dimensión e, na medida do posible, os espazos ao aire libre, como os xardíns e a contorna do centro.


Medidas de prevención persoal
Será obrigatorio o uso de máscara homologada para todas as persoas que estean dentro as dependencias educativas, así como a hixiene de mans de forma continua, para o que se instalaron dispensadores de xel hidroalcólico á entrada do centro, nos baños e en cada unha das aulas, e papeleiras con bolsa, tapa e pedal. O plan contempla ademais a desinfección, limpeza e ventilación frecuentes, ao inicio e remate de cada quenda, que se reforzará naqueles espazos con máis intensidade de uso, como aseos. Prestarase especial atención ás superficies de contacto máis frecuentes, como pomos de portas, mesas, pasamáns ou teléfonos.

Todo o persoal docente e cargos directivos realizaron o test serolóxico para descartar contaxios, sendo os resultados todos negativos.


Os alumnos irán directamente á clase, desprazaranse con máscara e non poderán permanecer en baños, corredores nin cambiar de aula; e desinfectaranse as mans con xel hidroalcólico ao comezar e finalizar as clases. Durante os cambios de hora e tempos de espera permanecerán na aula e poderán utilizar os xardíns nos mementos de descanso. As aulas contarán con material necesario para desinfectar as superficies e o equipamento técnico que poidan compartir. A limpeza deste material farana os propios alumnos dirixidos polo profesor. 

Xestión dos casos
Non asistirán ao centro aqueles estudantes ou traballadores que teñan síntomas compatibles con Covid-19, ou os que se atopen en illamento por diagnóstico ou corentena. Se un alumno ou traballador desenvolvese síntomas compatibles coa Covid-19 dentro do centro, levarase a un espazo separado de uso individual, contactarase coa familia e chamarase ao centro de Atención Primaria e o Servizo de Prevención da Deputación para seguir as súas instrucións. No caso de presentar síntomas de gravidade ou dificultade respiratoria chamarase ao 112.

Outros escenarios
O Plan de Adaptación fronte á Covid-19 do centro de formación do SdeA tamén contempla as medidas a tomar no caso de que empeore a evolución da crise sanitaria. Se o modelo fose semipresencial, os alumnos acudirían ao centro en días alternos, de xeito que a metade seguiría a clase na aula e o resto faríao desde as súas casas por streaming.


No caso de confinamento, o alumnado seguiría as sesións vía online e traballará cun servizo web educativo desde as súas casas. Se houbese corentenas, ben sexa individuais ou de grupos, utilizaríanse todas as ferramentas online necesarias para que os estudantes e os profesores que estean en boas condicións poidan participar desde as súas casas nas clases.