Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación apoia con 20.000€ a actividade da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa

José Tomé Roca
Milagrosa
O Presidente, que firmou o convenio de colaboración co presidente do colectivo, destacou que con esta “importante aportación demostramos unha vez máis que a Deputación está pegada ao tecido social, asociativo e económico da provincia, colaborando sempre, pero máis nesta época tan difícil provocada pola pandemia”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa,Jesús Vázquez Varela, asinaron este xoves o convenio de colaboración a través do que a institución provincial lle outorga á entidade veciñal unha subvención de 20.000€ para apoiar a súa actividade no ano no que conmemora o seu 30 aniversario.

José Tomé destacou que se trata dunha “aportación importante coa que demostramos, unha vez máis, que a Deputación está pegada ao terreo, ao tecido social, asociativo e económico da nosa provincia, colaborando sempre, pero máis nesta época tan difícil que nos está tocando vivir pola pandemia”. 

O mandatario provincial puxo en valor o compromiso e o traballo que vén realizando a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa desde os seus inicios. “Son tres décadas de compromiso e de traballo a favor da Milagrosa, reclamando necesidades e facendo propostas ás administracións para mellorar o barrio,impulsando actividades para dinamizar, visibilizar e poñer en valor unha zona da cidade con  personalidade propia. Un entorno aberto, integrador, que ten dado un exemplo de como a incorporación de moitas culturas se pode facer dun xeito harmonioso, enriquecendo a nosa identidade con novas aportacións”, destacou José Tomé.

Nesta liña, o Presidente remarcou a importancia desta colaboración como mostra de apoio a este barrio, nun momento no que se viu especialmente afectado polo impacto da pandemia da Covid-19 e sinalou que “onte mesmo relaxábanse as restricións e equiparábanse ao resto da cidade, algo do que nos alegramos porque como, xa dixen, non nos parece para nada acertado poñer o fogo negativamente nun barrio, nun colectivo ou nun sector concreto”. 


“Precisamente, para avanzar na loita contra o virus, ademais de cumprir estritamente coas medidas de seguridade e de avances na ciencia para encontrar un tratamento e unha vacina efectiva, precisamos favorecer os valores da concordia, da cooperación e da boa veciñanza, que protagonizan dende sempre o espírito e a labor da Asociación de Veciños e do propio barrio da Milagrosa, como tamén desta Deputación”, afirmou Tomé Roca.