Deputación de Lugo

Profesionais da provincia presentarán as súas experiencias turísticas no evento Lugo Experience

turismo
A Deputada de Turismo deulle a benvida aos participantes na segunda edición das Xornadas de Introdución á Creación de Experiencias de Ocio e Turismo celebrada este mércores por vía telemática

14 profesionais lucenses recibiron da man de técnicos especialistas asesoramento para mellorar a súa actividade e déronselles as ferramentas axeitadas para deseñar, crear e comercializar as súas propias experiencias turísticas

García Porto subliñou que estes encontros “seguen a estela do traballo de reactivación do sector que facemos dende a Deputación e que englobamos na campaña EN LUGO, SI con iniciativas como foros de debate ou formación para cumprir coas normas sanitarias”

Esta actividade enmárcanse dentro da programación do I Congreso de Turismo Experiencial que se celebrará en Lugo no mes de setembro e co que colabora a Deputación de Lugo

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este mércores na segunda edición das Xornadas de Introdución á Creación de Experiencias de Ocio e Turismo da provincia de Lugo que se celebraron por vía telemática e organizadas por Experiencias del Destino. A actividade enmárcanse dentro da programación do I Congreso de Turismo Experiencial que se celebrará en Lugo no mes de setembro e co que colabora a institución provincial, o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia. 

A xornada estivo dirixida a profesionais con actividades experienciais xa comercializadas na provincia de Lugo e tamén por persoas que queren crear as súas propias experiencias. Nesta acción participaron 14 profesionais con actividades moi diversas e procedentes de diferentes puntos da provincia: turismo activo, rural e cultural e outras novas formas do turismo experiencial, como son o turismo cinematográfico ou o turismo de fotografía.
 
Esta iniciativa, ao igual que na primeira edición, abordou aspectos vencellados co turismo de experiencias. Ao tratarse de participantes con certa traxectoria dentro do sector do turismo experiencial, achegouse un contido máis dinámico, práctico e sintetizado. Ademais, coa mirada posta no evento Lugo Experience, este encontro tivo tamén como finalidade adecuar a actividade á filosofía desta cita. Estivo impartida por técnicos especialistas de turismo que pertencen á entidade Experiencias del Destino, como Antonio Armesto, director técnico; Berta Ramos, voceira do I Congreso Nacional de Turismo Experiencial; Agustín Rico, Chief Browth Officer de Experiencias del Destino; e Belén Encabo, coordinadora técnica do congreso.

Nas xornadas celebradas no mes de agosto esgotáranse as 30 prazas ofertadas, razón pola que a organización decidiu ofrecer esta nova convocatoria para dar resposta á alta demanda de solicitudes. 

A Deputada de Turismo resalta que o que se pretende “é axudarlles a potenciar as súas actividades, servizos ou produtos realizados na nosa provincia. Temos a materia prima e cómpre saber sacarlle o mellor partido”.

García Porto subliña que estes encontros “seguen a estela do traballo de reactivación do sector que facemos dende a Deputación e que englobamos dentro da campaña EN LUGO, SI a través da que desenvolvemos iniciativas como as xornadas Abrindo as portas: o rexurdir do turismo ou un curso de formación para a profesionais en novas medidas sanitarias”. Así mesmo, a Deputada loou a actitude e profesionalidade do sector dende os inicios da pandemia xa que “amosou e segue a amosar o sentido da responsabilidade e a capacidade de sacrificio para asumir decisións que condicionan a súa actividade ou mesmo que chegaban a interrompela, co conseguinte agravio económico”. 

Respecto á propia temática do encontro, García Porto puxo o foco en que “os expertos sinalan que hai que apostar por un turismo de valor engadido, de experiencias, sen masificacións e que contribúa ao desenvolvemento sostible do territorio. Uns valores sobre os que xa se sustenta a nosa oferta turística e que debemos potenciar aínda moito máis”. 


Lugo Experience
Aos participantes nestas xornadas dáselles a oportunidade de amosar e promocionar as súas actividades no evento Lugo Experience, que terá lugar a fin de semana do 19 e o 20 de setembro. Lugo Experience será un escaparate de experiencias da provincia de Lugo que poderán ver os asistentes ao primeiro Congreso Nacional de Turismo Experiencial, os visitantes e a veciñanza da provincia. Será unha oportunidade de vivir e desfrutar durante toda unha fin de semana dos recursos turísticos, culturais, patrimoniais, gastronómicos, etnográficos e medioambientais que existen na provincia.

Todas as actividades de Lugo Experience serán sostibles coa contorna e seguras para todas as persoas asistentes, cumprindo coas máximas medidas hixiénico-sanitarias indicadas polas autoridades sanitarias. 

“Cremos que é unha forma de dar visibilidade ao comercio local, aos profesionais, provedores e produtos locais que día a día loitan por ofrecer o mellor servizo para garantir a maior calidade”, subliña a Deputada.