A Deputación comeza mañá as obras de reparación da estrada afundida no pobo de Belesar, ás que destina 140.000€
José Tomé destaca a resposta áxil da Deputación para solucionar o problema, tendo en conta a envergadura da actuación e a súa complexidade técnica, pois dende o desprendemento ao inicio das obras pasarán 20 días
Dado que este punto xa se derrubou nos anos 60, con esta obra queda garantido que neste lugar non vai volver a caer,” subliña o Presidente
Continuarán habilitados desvíos alternativos pola ponte de Belesar e pola estrada LU-533 mentres duren os traballos
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, responsable directo da área de Xestión Territorial, anuncia que mañá mércores comezarán os traballos de reparación da estrada LU-P-1804, que vai de Belesar a Chantada por San Pedro de Líncora, afectada por un desprendemento de terra o día 13 de agosto debido ás intensas chuvias. A institución provincial investirá preto de 140.000€ nestas actuacións, que acometerá con carácter urxente a empresa encargada dos traballos de conservación nesta zona da rede viaria provincial.
Esta estrada tivo que ser cortada ao tráfico á altura do punto quilométrico 6, no pobo de Belesar, enfronte do embarcadoiro da Deputación, para garantir a seguridade dos vehículos logo de producirse un desprendemento de terra e o afundimento de parte da calzada.
Segundo explicou o Presidente, as actuacións que se acometerán a partir de mañá determináronse tras realizar un estudio xeotécnico e un cálculo estrutural do terreo. As obras consistirán en realizar en primeiro lugar unha pantalla de micropilotes para poder soster o terreo existente e a continuación escavarase unha plataforma de traballo. Executarase un muro de mampostería para proceder á reconstrución da estrada e facer o recheo pertinente. Despois está previsto que se pavimente o treito con aglomerado en quente e realizarase a correspondente sinalización. “Dado que este punto xa se derrubou nos anos 60, con esta obra queda garantido que neste lugar non vai volver a caer,” subliñou o Presidente
Os traballos estarán condicionados polo estado e comportamento do terreo e tamén polas condicións meteorolóxicas dos vindeiros días, que poderán alterar o ritmo e as tarefas previstas. O prazo de execución é de dous meses, pero previsiblemente as actuacións poderán rematar con anterioridade.
Mentres duren as obras, seguirán habilitados desvíos alternativos pola ponte de Belesar e pola estrada LU-533.
O Presidente subliña que a Deputación traballou coa máxima axilidade posible para valorar as actuacións que son necesarias e aprobar o orzamento preciso para arranxar o problema e restablecer o tráfico. “Dende que se produciu o desprendemento ata o inicio das obras, previsto para mañá, pasarán vinte días, co que, tendo en conta a envergadura da actuación e a súa complexidade técnica, a resposta foi rápida”.