Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Os clubs poden solicitar desde este martes as axudas para gastos de actividade e organización de eventos da área de Deportes

axudas
Deportes
EFRÉN CASTRO
CLUBS
deporte base
Axudas deporte de base
O prazo para concorrer a esta liña de achegas, dotada con 500 mil euros, manterase aberto ata o vindeiro 14 de setembro

Os clubs e entidades deportivas da provincia poden solicitar xa as axudas de concorrencia competitiva convocadas pola área de Deportes, cun importe total de 500 mil euros. Segundo a convocatoria publicada este luns no Boletín Oficial da Provincia (BOP), o prazo para presentar as solictudes ábrese este martes 1 de setembro e prolongarase ata o vindeiro 14 de setembro.

Establécense dúas liñas de axuda: unha destinada a sufragar gastos da actividade ordinaria, cun importe que oscila entre os 300 e os 5.000 euros; e outra dirixida á organización de eventos, con achegas entre os 300 e os 2.000 euros.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, remarcou que a convocatoria deste ano se adaptou ás circunstancias excepcionais que atravesan os clubs pola situación sanitaria. “Tratamos de adaptar a convocatoria á situación vivida  nestes meses,  nas que non se puideron rematar as competicións nin realizar grandes eventos. De feito, a maior parte das axudas, 470 mil euros, destínanse a soster a actividade dos clubs. Aí, ademais dos gastos  derivados da actividade federada como viña sendo habitual, inclúense tamén gastos relacionados co mantemento das webs e das actividades en liña que propuxeron durante as semanas de confinamento e tamén a compra de material de protección fronte á Covid 19”, explicou.

A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Deputación de Lugo. Para a concesión das axudas, en rexime de concorrencia competitiva, valóranse criterios obxectivos vinculados ao rendemento deportivo e a incidencia social do club. Nese ámbito,  prímanse equipos mixtos, femininos ou con persoas con capacidades diferentes. Tamén aqueles que son de concellos con menos de mil habitantes.