Deputación de Lugo

A Vicepresidencia avoga pola institucionalización do 17 de agosto como Día da Galiza Mártir, que conmemorará cun acto institucional en Sarria

Memoria Histórica
Galiza Mártir
EFRÉN CASTRO
Presentación dos actos do Día da Galiza Mártir
As vítimas do franquismo serán lembradas cunha ofrenda floral, unha conferencia do historiador Rafael García Ferreira e a actuación de Raiceira

Lugo, 13 de agosto de 2020.-  A vicepresidenta, Maite Ferreiro, e o deputado de Memoria Histórica, Efrén Castro, presentaron este xoves o acto de lembranza e homenaxe ás persoas represaliadas polo franquismo que se celebrará o vindeiro luns 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, en Sarria.

O acto comezará cunha ofrenda floral no murallón de Santa Mariña, a carón da placa que lembra ás vítimas do franquismo na comarca, ás 20:00 horas. A continuación, o historiador Rafael García Ferreira pronunciará unha conferencia baixo o título "O golpe do 36: violencia e perspectiva nacional".  A música de Raiceira acompañará a intervención.

Na presentación do acto, o deputado de Memoria Histórica Efrén Castro avogou pola “institucionalización do 17 de agosto como Día da Galiza Mártir para lembrar a todas as persoas asasinadas e perseguidas polo franquismo en Galiza e  render homenaxe a Alexandre Bóveda”.

A conmemoración do Día da Galiza Mártir foi instaurada en 1942 en Bos Aires, polos galegos no exilio, na honra de Alexandre Bóveda, fusilado polos fascistas na Caeira, en Poio, no 1936.

Efrén Castro incidiu na “necesidade de desenvolver política públicas dirixidas ao coñecemento da nosa historia e ao fortalecemento dos valores democráticos, para proporcionar verdade, xustiza e reparación a todas as vítimas da represión e as súas familias”.

Nesa liña, lembrou que “segue pendente a localización de persoas asasinadas, a anulación das sentenzas ditadas polas tribunais fascistas, a devolución de bens expoliados, a retirada de honores e recoñecementos públicos aos verdugos e o enxuizamento dos delitos contra os dereitos humanos que se produciron durante o franquismo”.

“A creación dunha área específica de Memoria Histórica foi un paso adiante para visibilizar e recoñecer ás vítimas. O inicio dun camiño no que imos seguir avanzando ao longo da lexislatura, da man dos colectivos que están a traballar neste ámbito. Nun contexto como o actual, de auxe da ultradereita que nega os crimes do franquismo e ataca dereitos e liberdades, é máis necesario ca nunca pular pola memoria dos que de verdade loitaron pola democracia, non dos falsos heroes da transición”, concluíu.