Deputación de Lugo
Infraestruturas

Cortada a estrada provincial no pobo de Belesar polo desprendemento de parte da calzada debido ás intensas choivas

José Tomé Roca
Belesar
desprendemento
Estrada Belesar
O Presidente informa de que os técnicos realizarán unha valoración económica nos vindeiros días dos danos ocasionados co fin de reabrir coa maior celeridade posible a vía ó tráfico

Os vehículos que transiten por esta estrada poderán desviarse pola ponte de Belesar ou tomar a estrada LU-533

A estrada provincial de Belesar a Chantada por San Pedro de Líncora, a LU-P-1804, foi cortada este xoves á altura do punto quilométrico 6, no pobo de Belesar, enfronte do embarcadoiro da Deputación, para garantir a seguridade dos vehículos logo de producirse un desprendemento de terra e o afundimento de parte da calzada debido ás intensas e continuadas choivas producidas entre onte e hoxe. 

Os vehículos que transiten por esta estrada poderán desviarse pola ponte de Belesar ou tomar a estrada LU-533. Operativos do servizo de Xestión Territorial da Deputación colocaron nestes dous cruces avisos de advertencia do corte da estrada. 
 
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, que dirixe a área de Xestión Territorial, informa de que os técnicos realizarán unha valoración económica nos vindeiros días dos danos ocasionados por este desprendemento de terra causado polas choivas. Subliña que a institución traballará coa maior celeridade posible para reabrir de novo esta estrada ao tráfico.