Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación aproba o convenio específico do centro de maiores de Castroverde coa previsión de abrilo antes de finalizar o ano

centros de atención a maiores
Castroverde
A Xunta de Goberno aprobou este venres o último trámite administrativo entre o Concello e a institución provincial que, unha vez asinado, permitirá que se poida poñer en marcha o calendario para formalizar a solicitude de praza

O Presidente explicou que se establece a prioridade de acceso para os veciños e veciñas de Castroverde; en segundo termo para os dos municipios limítrofes ou da comarca; e despois, para os veciños da provincia en xeral

A sesión tamén lle deu luz verde a un convenio co Concello de Meira de 73.000€ -dos que a Deputación investirá 69.000€- para efectuar traballos de mellora da accesibilidade na Casa Consistorial deste municipio

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres o convenio específico do Centro de Atención a Maiores de Castroverde. O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, informou de que unha vez se asine este convenio, rematarían os trámites interadministrativos entre o Concello e a Deputación. “Agora nas vindeiras semanas informaremos de cal será o calendario administrativo que se porá en marcha para que a solicitude de praza, e será nese momento cando as persoas interesadas poidan presentar as súas instancias de solicitude”. 

Tomé Roca subliñou dende a institución provincial “avanzamos e cumprimos co compromiso que adquirimos cando aprobamos os Orzamentos 2020 de abrir as residencias de Castroverde e Pedrafita do Cebreiro antes de que remate o ano e nese camiño estamos, sempre e cando as condicións sanitarias nolo permitan”. “Neste ano que levamos de mandato aprobamos o convenio marco da residencia de Castroverde, tamén o Concello aprobou a ordenanza reguladora do servizo e acabamos de dar luz verde ao convenio específico.  

Con este convenio específico establécese a prioridade de acceso as prazas para os veciños e veciñas de Castroverde; en segundo termo para os dos municipios limítrofes ou da comarca; e despois, para os veciños da provincia en xeral.”, afirmou o Presidente. O convenio recolle que a Deputación se compromete a efectuar o financiamento previsto, a actuar como órgano de contratación e a impulsar un equipo técnico especializado no ámbito dos servizos sociais e, pola súa banda, o Concello comprométese a colaborar coa institución provincial e a facer as achegas económicas previstas. 

Ademais, Tomé Roca informou de que nas vindeiras semanas, nun prazo breve de tempo, “sacaremos a contratación da prestación pública deste novo servizo, e tamén está previsto aprobar o orzamento total estimado para os primeiros 4 anos de funcionamento deste Centro de Atención a Maiores. O orzamento ascende a preto de 2,3 millóns de euros”. 

En canto á solicitude de prazas, o mandatario provincial explicou que “unha vez asinemos o convenio, avisaremos do calendario administrativo que se porá en marcha para a solicitude de praza, e será nese momento cando as persoas interesadas en optar a unha praza nesta residencia poidan presentar as súas instancias de solicitude”. O Centro de Maiores de Castroverde contará con 30 prazas de residencia e 24 de centro de día.

Tomé Roca lembrou que “no que levamos de mandato abrimos a residencia da Fonsagrada, licitamos o equipamento da de Pedrafita do Cebreiro, iniciamos os traballos da residencia de Guitiriz na Casa da Botica, recibimos as obras da residencia de Meira, adxudicamos as obras da de Portomarín, asinamos un protocolo para construír a de Pantón, ademais de prorrogar os convenios das de Becerreá e O Courel e temos previsto sacar de novo a licitación dos traballos da da Pobra do Brollón”. En canto ao ano que vén, o mandatario provincial avanzou que “poderán entrar en funcionamento os centros de maiores de Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil, que teñen as obras dos edificios acabadas”. 

Os centros da Deputación de Lugo teñen unha filosofía propia, que lle dá valor á proximidade coas persoas e cunha atención de calidade. “O modelo radica nunhas infraestruturas pensadas para poucos usuarios nas que se garante que os maiores reciben os coidados e os servizos que precisan e aos que teñen dereito, preto do seu lugar de residencia. Permitimos que cada persoa poida seguir vivindo no lugar no que fixo a súa vida, convivindo cos seus veciños e veciñas e atendidos por persoal que na súa maioría é da súa e que mesmo coñecen”, manifestou. 

Máis asuntos
Pola súa banda, na Xunta de Goberno de hoxe tamén quedou aprobado un convenio co Concello de Meira para colaborar na execución das obras de mellora de accesibilidade da Casa Consistorial deste municipio. Estas obras terán un custe de preto de 73.000€, dos cales a Deputación achegará 69.000€. 

“Neste caso o convenio é unha evidencia clara de que a Deputación somos o Concello dos Concellos, pois está para impulsar proxectos e obras que os municipios por si sós non poden asumir pero que son necesarias para o conxunto da veciñanza”, explicou Tomé Roca.  

Tamén en materia de convenios, hoxe déuselle luz verde a unha solicitude do Concello de Outeiro de Rei para investir remanentes da obra de apertura do tramo viario para ordenación de mobilidade no casco urbano noutra actuación. 

Investiranse preto de 30.000€ da Deputación na mellora da rúa Jesús Redondo Candal. A cantidade restante do custe desta obra será achegada polo Concello de Outeiro de Rei, que se corresponde a preto de 20.000€. 

Así mesmo, este venres a Xunta de Goberno acordou a licitación da contratación de material eléctrico para o departamento de mantemento da Deputación de Lugo. O contrato sae a licitación por un importe máximo anual de 24.200€. Este contrato é por un ano, pero con opción a prórroga outro ano máis.