Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

COMUNICADO DA ÁREA DE MULLER E IGUALDADE DA DEPUTACIÓN DE LUGO

muller
Igualdade
María Loureiro García

A Deputación Provincial de Lugo, a través da área de Muller e Igualdade, dirixida por María Loureiro, quere expresar a súa total repulsa e condena pola gravación e difusión en webs de contido pornográfico de vídeos captados con cámara oculta de mulleres nunha vía pública durante a festa da Maruxaina, en San Cibrao. Trátase dunha flagrante violación da intimidade das mulleres que sufriron esta conduta deplorable e dun brutal ataque á súa dignidade, ademais dunha mostra clara de machismo e desprezo á muller, un comportamento intolerable nunha sociedade democrática e nun Estado Social e de Dereito.

Como institución que respecta profundamente os dereitos e as liberdades, e cre e promove activamente a igualdade, a Deputación amosa así mesmo a súa solidariedade, consideración, afecto e o seu total apoio ás mulleres que están sufrindo este gravísimo ataque por quen segue a ter unha concepción patriarcal e patrimonial da muller, que consideran como unha propiedade súa que poden empregar como queren. 

Así mesmo, confía na acción policial para esclarecer a autoría de tan vergoñenta e atroz actuación e que a xustiza faga recaer todo o peso da Lei sobre as persoas que a cometeron.

Dende a Deputación de Lugo seguiremos a impulsar e fomentar políticas de igualdade e de educación que contribúan a erradicar da nosa sociedade este tipo de actitudes, que, aínda cunha autoría concreta, son o síntoma dunha lacra social aínda arraigada contra a que hai que loitar con forza e dende a unidade de toda a sociedade e das administracións.