Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación impulsa con 25.000 euros o Festival 17º Ribeira Sacra

Pilar García Porto
Ribeira Sacra
17º Ribeira Sacra
A cuarta edición deste evento musical celebrarase esta fin de semana en diferentes escenarios da Ribeira Sacra que, nesta ocasión contará cun protocolo xeral de actuación para garantir todas as medidas de seguridade

“Está na nosa man dende as administracións públicas, traballar de maneira conxunta para reactivar o sector turístico como fonte de riqueza para o territorio”, subliñou a Deputada de Turismo, Pilar García Porto

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, avanzou este mércores que a cuarta edición do Festival 17º Ribeira Sacra terá lugar esta fin de semana, entre o venres e o domingo, en diferentes escenarios da zona sur da provincia. A Deputación colabora con este evento musical cunha achega de 25.000 euros. 

Nesta ocasión e seguindo coas recomendacións das autoridades sanitarias a causa da Covid-19, o Festival conta cun protocolo xeral de prevención e actuación elaborado por un equipo de profesionais. Co fin de garantir a seguridade de todos os asistentes establécese: o uso da máscara, hixiene de mans, carrís de circulación, distancias de seguridade, e limpeza de baños e espazos comúns. 

García Porto destacou que o Festival 17º Ribeira Sacra “é un referente no panorama musical galego porque trae á nosa provincia artistas de renome que conforman un cartel único, de excelencia e calidade”. Nesta liña, a Deputada recalcou o compromiso da Deputación con citas coma esta que supoñen un efecto dinamizador da economía para toda a comarca da Ribeira Sacra e en consecuencia do conxunto da provincia. 

“Coa crise sanitaria todos os sectores económicos se viron tremendamente afectados. Está na nosa man dende as administracións públicas, traballar de maneira conxunta para reimpulsar o eido turístico como fonte de riqueza para o territorio”, sinalou Pilar García Porto. 

Como nas pasadas edicións, o Festival ofrécelle ao público unha experiencia única combinando música e actividades en escenarios emblemáticos e enclaves naturais da contorna da Ribeira Sacra. 

Programación
Venres, 31 de xullo
- Ás 16:00 horas: apertura e punto de acreditación na bodega Regina Viarum.
- Ás 18:00 horas: concerto sorpresa no catamarán de Ponte do Sil. 
- Ás 21:00 horas: actuación de Cassete Pirata e Ele no escenario Fest Galicia situado na bodega Regina Viarum.

Sábado, 1 de agosto:
- Ás 12:00 horas: concerto de Momboi no Eurostars do Pazo de Sober.
- Ás 14:00 horas: actuación de Laura Lamontagne e Pico Amperio na bodega Regina Viarum.
- Ás 17:00 horas: concerto da artista Elba e Best Boy, no escenario Momentos Alhambra situado no Mirador de Santiorxo.
- Ás 21:00 horas: actuarán Os amigos dos músicos e Xoel López na bodega Regina Viarum. 

Domingo, 2 de agosto:
- Ás 13:30 horas: concerto de Guadi Galego no escenario Momentos Alhambra situado nesta ocasión, na Praza de España de Chantada.