Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación abrirá nos vindeiros días a listaxe de contratación de traballadores sociais para os Centros de Maiores

Xunta de Goberno
Pilar García Porto
A Xunta de Goberno aprobou este venres as bases que rexerán o procedemento selectivo, que sairá publicado nas vindeiras datas no Boletín Oficial da Provincia e onde se especificará que deben facer os aspirantes

Na sesión tamén saíu adiante a licitación do contrato da subministración mediante arrendamento dos sistemas de impresión para todos os edificios da institución provincial cun orzamento de 403.000€ para dous anos

Aprobada a licitación do servizo de mantemento de instalacións térmicas e o control de prevención de lexionelose en todas as dependencias de titularidade provincial cun orzamento de 167.000€ para dous anos

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres as bases que rexerán o procedemento selectivo para ampliar a lista de traballadores sociais de emprego temporal que prestan servizo na institución provincial. A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, informou de que nos próximos días sairá publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a convocatoria coas bases para que todas as persoas interesadas se poidan anotar. “Esta é unha convocatoria pública aberta para traballar, principalmente, nos centros de atención a maiores da Deputación, tanto nos que xa están abertos como nos que se abrirán nas próximas datas, e dá conta do compromiso da Deputación coa provincia e con prestar un servizo de benestar de calidade”. 

A sesión deste venres tamén aprobou a licitación do contrato da subministración mediante arrendamento dos sistemas de impresión de todas as dependencias da Deputación. O orzamento de licitación é de preto de 403.000€ e o contrato é por dous anos, prorrogable por un máis. “Para este contrato incluímos nos criterios de valoración o consumo enerxético das máquinas, valorando aquelas que teñen un menor consumo e que sexan máis respectuosas co medio ambiente”, subliñou a Deputada.  

Así mesmo, quedou tamén aprobada a licitación do contrato do servizo de mantemento de instalacións térmicas e o control de prevención de lexionelose. O orzamento é de 167.000€ para un contrato por dous anos, que se pode prorrogar por outros dous. “Este contrato mellorámolo este ano ao incluír o mantemento de lugares de almacenamento e depósitos, a instalación de receptores de gas e, entre outros aspectos, a realización de controis de potabilidade”. 

Este venres tamén saíron adiante un conxunto de actuacións que se van realizar con remanentes do Plan Único do 2019. Por un lado, o Concello de Lugo vai investir remanentes para un conxunto de obras que ascenden a máis de 106.000€ en total. “Vai executar a mellora da estrada LU-234 que conecta Lugo con Outeiro de Rei e que é moi transitada e moi importante para a veciñanza. E tamén, vai realizar dous abastecementos de auga: un deles será no núcleo de Penarrubia, en Orzabai, e o outro, en Cardoso”, explicou García Porto. Pola súa banda, o Concello de Trabada investirá remanentes por valor de máis de 10.600€ na mellora do acceso á escola de Villapercide. 

Na orde do día de hoxe acordouse una modificación na redacción do proxecto da obra de mellora da estrada provincial LU-P-1901, que une os concellos da Fonsagrada e Navia de Suarna, entre os quilómetros 0 e 4,5. García Porto explicou que “esta modificación inclúe a incorporación de máis bionda para protexer a vía, xa que é unha zona moi montañosa e con moitas curvas; tamén se vai realizar unha variación dos taludes proxectados para darlle unha maior seguridade á estrada e realizarase un marco prefabricado que respecta o ancho do río que pasa ao carón da obra”. Esta modificación do proxecto ten un orzamento de 200.000€. 

Respecto a convenios, na sesión de hoxe déuselle o visto bo a unha modificación de convenio co Concello do Corgo para arranxar diferentes estradas. “Por unha banda, vanse investir máis de 30.000€ na pavimentación do acceso dende Vilachá ao límite municipal en Marce, e pola outra, vaise pavimentar a pista que une a estrada provincial LU-P-2918 con Boelle”, explicou a Deputada. 

Na Xunta de Goberno aprobáronse cinco contas xustificativas do programa de Recuperación e incorporación de terras para posta en produción de recursos agrogandeiros. En total suman preto de 5.500€ para a posta en produción de máis de 10 hectáreas nos concellos de Baralla, A Fonsagrada e A Pastoriza.