Deputación de Lugo
Economía

A veciñanza de 64 concellos da provincia poderá pagar os seus tributos desde calquera oficina de Correos de España

Recadación
Correos
presidente
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e o presidente da Sociedad Estatal de Correos y Telégrafos, Juan Manuel Serrano asinan un convenio de colaboración
A Deputación de Lugo é a primeira de Galicia en asinar coa entidade postal un convenio que, segundo subliñou o Presidente, “fará máis cómodas as xestións administrativas e, polo tanto, facilitará o día a día dos veciños e veciñas” dos municipios que están adheridos ao Servizo de Xestión Tributaria da institución provincial

“Nunha provincia rural, de idade media elevada e cunha importante dispersión xeográfica, no que ademais se están a pechar sucursais bancarias e a cobertura de internet aínda é deficiente, resulta obrigado habilitar todo tipo de solucións, coma esta, que acheguen os servizos ós veciños”, asegurou José Tomé

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Sociedad Estatal de Correos y Telégrafos, Juan Manuel Serrano Quintana, asinaron este venres na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos un convenio de colaboración entre a institución provincial e esta entidade, grazas ao que a veciñanza de 64 concellos da provincia –os que están adheridos ao Servizo de Xestión Tributaria da institución provincial- poidan pagar os seus tributos a través dun xiro postal desde calquera das preto de 24.000 oficinas que Correos ten por toda España. A institución provincial lucense é a primeira Deputación de Galicia en asinar este convenio de colaboración con Correos. 

A este acto de sinatura tamén asistiron a Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o director de Operacións e director de Correos Express, Avelino Castro, e o director da Zona 1 de Correos, José Ángel del Río Tembras. 

José Tomé destacou que o convenio con Correos “fai máis cómodas as xestións administrativas para os veciños e veciñas da provincia de Lugo, e polo tanto facilita o seu día a día”. Nun territorio como o lucense, engadiu, “cunha poboación marcadamente rural, de idade media elevada e cunha importante dispersión xeográfica, no que ademais se están a pechar sucursais bancarias e a cobertura de internet aínda é deficiente, resulta obrigado habilitar e fomentar todo tipo de solucións, coma esta, que axuden aos veciños a realizar os seus trámites coa Administración. Creo que aquí radica boa parte da nosa responsabilidade como institucións públicas, ser útiles á cidadanía”. 

José Tomé lembrou que o Servizo de Xestión Tributaria e de Recadación da Deputación ocúpase da xestión, recadación e inspección dos tributos e outros ingresos públicos en base á delegación de competencias que teñen feitas os concellos á institución provincial. A día de hoxe, están adheridas 64 entidades locais.

A todos elas, a Deputación adiantoulles os pagos mensuais previstos entre abril e setembro, o que supuxo unha inxección de liquidez de 22M€ nas arcas municipais “para que puideran afrontar con garantías a crise sanitaria da Covid-19 e sacar adiante aquelas accións que consideren necesarias para atender aos veciños e apoiar o tecido económico dos seus territorios”, subliñou o Presidente.

Agora, con este convenio con Correos, os veciños e veciñas destes 64 municipios, é dicir, todos menos tres, poderán realizar o pago de tributos en calquera oficina de Correos de toda España, o que supón “unha nova vantaxe” para os contribuíntes das entidades locais adheridas ao servicio tributario da Deputación.

“Se as deputacións contamos cunha historia de dous séculos, Correos remonta a súa a 1716. Antes de que a chegada do mundo dixital lle dera un novo sentido á palabra redes, Correos xa tendera unha gran rede de comunicación e distribución por todo o territorio do Estado español. E as deputacións non somos senón o resultado da vontade dos concellos de traballar xuntos, en rede, para poder impulsar mellor os seus proxectos e as súas reivindicacións”, explicou o Presidente, quen cre que ambas entidades teñen “máis cousas en común, pois compartimos a aposta por promover a modernización dunha institución cunha ampla historia sobre a base sólida da experiencia acumulada, tendo sempre en conta as necesidades da sociedade e desde unha firme vocación de servicio público”.