Deputación de Lugo

O parque de bombeiros de Monforte amplía o seu equipamento cun novo vehículo de mando de emerxencias

José Tomé Roca
Monforte de Lemos
Consorcio de Bombeiros
Entrega novo vehículo.IMG01
O Presidente da Deputación e do Consorcio, José Tomé Roca, subliñou que esta furgoneta de dimensións más reducidas permitirá atender emerxencias en lugares de difícil acceso onde non poden chegar os camións grandes

O Presidente da Deputación de Lugo e do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, José Tomé Roca, recibiu este mércores no parque de bombeiros de Monforte un novo vehículo de mando co que o complexo amplía o seu equipamento. O parque monfortino era o único da rede do Consorcio provincial que carecía desta furgoneta, valorada en 30.000€, e que facilita o transporte dos bombeiros e do material nas xestións diarias e intervencións en catástrofes e loita contra incendios.  

Ademais do Presidente, no acto tamén estiveron presentes Santiago Villanueva Álvarez, director xeral de Emerxencias e Interior; Marta Rouco Seoane, xerente do Consorcio de Bombeiros; José Antonio Mourelle Cillero, secretario interventor do Consorcio, e Tomás Losada, xefe do parque de bombeiros de Monforte de Lemos.

Este novo posto de mando está adaptado cun sistema de separación pechado entre os ocupantes e a carga, o cal permite levar no interior o amplo e necesario equipamento de rescate, como son os equipos de respiración autónomos, de excarceración, botica de primeiros auxilios e motoserras, entre outros. Tamén conta cun cable de arrastre para desprazar vehículos avariados. 

O Presidente explicou que este vehículo de emerxencias de dimensións más reducidas aportará mais axilidade para atender emerxencias en lugares de difícil acceso onde non poden chegar os camións grandes do parque.

A nova furgoneta de emerxencias permitirá ademais portar o segundo equipo de excarceración multifunción co que conta o parque de bombeiros de Monforte e que non pode levarse nos outros vehículos, que son un vehículo de bomba urbana lixeira (BUL), un camión nodriza e un camión de altura de autobrazo articulado.

Para garantir a prestación do servizo ante emerxencias e incendios no sur de provincia este novo vehículo de mando permitirá suplir a vehículos avariados do parque monfortino e, pola proximidade xeográfica cos outros dous parques de bombeiros da zona xur, tamén estará a disposición dos de Chantada e Sarria en caso de necesidade.