Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

O Campus Álex Llorca estrea o protocolo de prevención elaborado pola área de Deportes para a reapertura do Pazo

Campus Álex Llorca
Recibimento Campus Álex Llorca

Lugo, 9 de xullo de 2020.- O deputado de deportes, Efrén Castro, recibiu este xoves rapaces e rapazas que participan na quinta edición do Campus Álex Llorca de Baloncesto, organizado pola Asociación Xuvenil Sagrado Corazón e mais polo que fora xogador do CB Breogán.

O campus ofrece aos xogadores e xogadoras de base a posibilidade de mellorar a súa formación da man dun equipo técnico formado por doce adestradores e polo propio Álex Llorca, facendo da actividade “unha experienciao máis próxima posible a un adestramento profesional”

As sesións de preparación desenvólvense no Pazo  e nos pavillóns anexos, cumprindo coas normas de prevención indicadas no protocolo elaborado pola área de Deportes para limitar a transmisión do coronavirus.

Para a maioría dos rapaces e rapazas que particpan na actividade trátase do primeiro contacto coas canchas despois de que a pandemia obrigase a suspender as competicións federadas.

Álex Llorca mostrouse “moi contento de estar cos rapazas e rapaces e axudarlles a esquecer os momentos máis duros do confinamento”. Pola súa banda, Rubén Engroba, da  AX Sagrado Corazón remarcou as medidas de prevención que se estableceron para desenvolver o campus coa máxima seguridade para os rapaces, as familias e os traballadores e traballadoras”

Efrén Castro recoñeceu “o esforzo da organización e dos nenos e nenas para adaptarse á situación” e “agradeceu a aposta polo baloncesto de base cunha actividade que une o deporte e os seus valores coa socialización e as ganas de pasalo ben dos máis pequenos”.


Protocolo de prevención e normas de uso das instalacións provinciais

A área de Deportes elaborou un protocolo de prevención e normas de uso para o Pazo dos Deportes e dos pavillóns anexos, con medidas de contención e prevención para limitar ao máximo a posibilidade de transmisión do coronavirus.

O documento, que pode consultarse na web da Deputación de Lugo, recolle as recomendacións establecidas nas distintas ordes, resolucións e normativas emitidas pola Xunta de Galiza e polo goberno do Estado desde que se decretara a alarma sanitaria.


Medidas de hixiene, limpeza e prevención

Será imprescindible solicitar cita previa para acceder ás instalacións, sexa ás oficinas ou para a práctica deportiva. Neste caso ademais é necesaria unha declaración responsábel e na que se indicarán as persoas que participarán, o horario e o tipo de actividade que se levará a cabo. As solicitudes deberán presentarse mediante correo electrónico e a través da sede electrónica da Deputación.

Habilitáronse puntos de hixiene de mans e de calzado, e percorridos sinalizados para evitar cruces e aglomeracións de persoas. Ademais entre sesións deberá procederse á desinfección e ventilarase o espazo o tempo necesario para a renovación do aire. Os plans de mantemento, limpeza e conservación das instalacións adaptáronse a estas novas rutinas, levando un control específico para as limpezas e desinfeccións.


Os deportistas deben manter a distancia persoal de 1,5 metros, que chegarán ata os 10 metros no caso de que exista carreira dun tras outro. O uso de material será limitado e individual. Algúns, como os balóns, están numerados pra garantir o uso dun pola mesma persoa. Despois de cada sesión, o material deberá ser desinfectado.

Os deportistas deben acudir xa preparados para a práctica deportiva. Os familiares e responsábeis que acudan a recoller aos menores non poden acceder ás instalacións e deben manter a distancia interpersoal no exterior das mesmas, mentres se agarda a saída, que será graduada.

Nos eventos deportivos está permitido o público, sempre que permaneza sentado e que non se supere o setenta e cinco por cento da capacidade permitida, cun límite máximo de trescentas persoas para lugares pechados e de mil persoas tratándose de actividades ao aire libre.

O protocolo irase modificando dacordo coa evolución da situación epidemiolóxica.