Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación de Lugo aporta 600.000€ para o polígono industrial da Fonsagrada

José Tomé Roca
Fonsagrada
poligono industrial
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé asina co Alcalde de A Fonsagrada un protocolo para a creación do parque empresarial
O Presidente asinou hoxe co Alcalde un protocolo para a creación do parque empresarial, “dando resposta a unha demanda que levan facendo o Concello, os veciños e os empresarios dende hai moitos anos” e que “marcará un antes e un despois” no desenvolvemento do concello e da comarca a Montaña, subliñou José Tomé

“Cando celebramos as xornada de portas abertas da residencia en xaneiro, o Alcalde plantexábame a necesidade de facer un polígono. É un pracer estar de volta na Fonsagrada para responder a aquela petición cun compromiso por escrito”

“O parque empresarial servirá para consolidar A Fonsagrada como polo de desenvolvemento económico, laboral e social, o modelo de crecemento do territorio polo que creo que debemos apostar as administracións públicas”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este xoves un protocolo de colaboración co Alcalde da Fonsagrada, Carlos López López, a través do que a institución provincial aportará preto de 600.000€ para a creación dun polígono industrial na localidade, dando resposta a unha demanda que levan facendo “moitos anos o Concello, os veciños e tecido empresarial” e que marcará un “antes e un despois no desenvolvemento” da localidade e da comarca da Montaña, subliñou Tomé Roca. A achega do Concello ascende a 147.000€.

Xunto ao Presidente e o Alcalde, no acto de sinatura do protocolo para a creación do polígono da Fonsagrada, que tivo lugar no Salón de Plenos do Concello, estiveron a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, o Tenente de Alcalde do Concello da Fonsagrada, José Ángel Fernández Carrín. 

O mandatario provincial destacou a axilidade e eficacia do Goberno da Deputación para materializar o compromiso co parque empresarial ante a petición do Alcalde. “Cando o pasado o pasado 14 de xaneiro celebrabamos unha xornada de portas abertas no Centro de Atención a Maiores, que abriu un mes despois, o Alcalde expúxome a necesidade de facer un polígono industrial na Fonsagrada. Creo que dende a Deputación estamos respondendo con eficacia a esta demanda social e empresarial, tendo en conta que, dende entón, pasaron menos de seis meses, e que tres deles foron baixo o Estado de Alarma decretado polo coronavirus, o que afectou ao ritmo de todas as administracións porque se interromperon os prazos”. 

José Tomé subliñou que a previsión da Deputación é que este proxecto se faga realidade neste mandato, pero, en todo caso, xa neste mesmo ano, se asinará o convenio que desenvolverá o protocolo firmado hoxe.

O Presidente dixo compartir co Concello e co tecido social e empresarial da Fonsagrada  “a necesidade de crear un polígono industrial, como concello, pero tamén na súa calidade de cabeceira de comarca. Sempre defendo que as cabeceiras de comarca da nosa provincia, e de toda Galicia, débense configurar como polos de desenvolvemento económico, laboral e social, que xeren un efecto multiplicador na zona. Creo que este é o modelo de crecemento do territorio polos que as administracións públicas debemos apostar, a Deputación tamén, pero sobre todo aquelas que teñen as competencias en materia de economía, industria e emprego. Para que unha comarca como a da Fonsagrada reforce a súa condición de polo de desenvolvemento económico, laboral e social, evidentemente necesita un polígono industrial”.

Cooperación cos concellos
Tomé Roca fixo fincapé en que “a Deputación é o Concello dos concellos, e por iso, está sempre aberta á colaboración e ó impulso de proxectos que, pola súa envergadura, exceden a capacidade das arcas municipais. Como alcalde de Monforte, entendo ben o esforzo que para o Concello da Fonsagrada supón destinar 147.000 euros a esta área industrial. É de xustiza que a Deputación apoie e complete esa cifra cos 590.000 euros restantes, o que supón o 80% do investimento total. Estamos colaborando cun Concello, que é a misión principal da Deputación; pero, ao mesmo tempo, estamos contribuíndo ó desenvolvemento de toda a comarca da Montaña, e, con elo, impulsando tamén o conxunto a provincia”. 

O mandatario provincial destacou a importancia de colaborar da man das Administracións en beneficio dos veciños e veciñas, para dinamizar o tecido económico e produtivo e recalcou que a creación deste polígono industrial é unha demanda dos empresarios da zona que  “vai marcar un antes e un despois no desenvolvemento da Fonsagrada. No propio texto deste protocolo asegurase que acometemos “un ambicioso proxecto”. Penso que os responsables políticos temos que ser ambiciosos á hora de deseñar os proxectos. Ambiciosos á hora de calcular o retorno económico, social e cultural que poden xerar. Ambiciosos á hora de pensar como queremos mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas. Ambiciosos á hora de pensar con cantos axentes sociais podemos colaborar.”  

Resposta a unha necesidade
“As administracións temos a obriga de colaborar entre nós en beneficio dos veciños e veciñas, do tecido económico, e temos a responsabilidade de facelo con eficacia. E para ser eficaces, os poderes públicos temos que escoitar ós cidadáns e ó tecido produtivo. Neste Salón de Plenos hai hoxe empresarios, e as súas contribucións, as demandas que lle teñen expresado ó Alcalde, son a mellor garantía de que o proxecto que hoxe presentamos ten un fundamento sólido. Que non é unha ocorrencia feita pensando nos votos, nas fotos ou nos titulares”, asegurou o Presidente. 

“Un polígono industrial non é unha construción prefabricada que se planta en calquera lugar, que dá froitos por si mesmo. Facelo dese xeito, sen contar coas necesidades reais da industria, ten xerado unha situación curiosa en Galicia. Por unha parte, contamos con preto de 2 millóns de metros cadrados de solo industrial xestionado por Xestur. Pero na realidade, moitas empresas marchan a outros lugares do noso entorno, mesmo a Portugal, porque din que non atopan un sitio adecuado para instalarse. Un polígono industrial ten que ser unha ferramenta de precisión, un instrumento deseñado en colaboración pola Administración pública e a iniciativa privada. É certo que hai elementos comúns para todos, como as boas comunicacións ou un prezo do metro cadrado adecuado á realidade do mercado. Pero logo, cada comarca, cada concello, cada grupo de empresarios, son os que mellor saben qué é o que precisan as súas empresas, os seus plans de desenvolvemento”, argumentou.