Deputación de Lugo

A Deputación comeza mañá en Ribadeo a desinfección preventiva das residencias

José Tomé Roca
Residencias
Foto de arquivo-desinfección.IMG01

O Consorcio Provincial de bombeiros efectuará ao longo desta semana as tarefas, que a institución promove como reforzo da prevención e a protección dos usuarios e usuarias dos centros de maiores ante a evolución do rebrote de coronavirus na Mariña

A Deputación continúa aplicando medidas para minimizar o risco de contaxio, mesmo por riba do que establecen as autoridades sanitarias. Mantén pechadas dende o 25 de xuño a saídas e visitas as residencias de Ribadeo e Trabada, e desde este pasado domingo, tamén as da Fonsagrada e Pol

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou de que mañá xoves comezarán os traballos de desinfección dos centros de maiores de titularidade provincial, situados nos concellos de Ribadeo, Trababa, A Fonsagrada e Pol, como medida de reforzo da prevención e da protección dos usuarios e usuarias ante a evolución do rebrote de coronavirus na comarca da Mariña.


Estas tarefas, que avanzou o Presidente o pasado domingo, correrán a cargo do persoal do parque de bombeiros de Barreiros, do Consorcio Provincial para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento. Arrancarán mañá pola tarde na residencia de Ribadeo. O venres desenvolveranse pola mañá na Fonsagrada e pola tarde en Trabada, e o domingo pola mañá en Pol.


A Deputación decidiu proceder á desinfección integral dos catros centros de maiores con fin de minimizar o risco de contaxio e como medida de prevención ante o brote xurdido na comarca da Mariña. Estes traballos son imprescindibles e máis en lugares tan sensibles como son as residencias, onte se atenden ás persoas máis vulnerables ante a enfermidade da Covid-19.


José Tomé subliñou que a Deputación, como fixo dende antes incluso da declaración do Estado de Alarma, continúa aplicando as máximas medidas de prevención, en moitos casos por riba do que estableceron as autoridades sanitarias da Xunta. Deste xeito, mantén pechadas dende o 25 de xuño a saídas e visitas os centros de maiores de Ribadeo e Trabada, e desde este pasado domingo, tamén as da Fonsagrada e Pol,  para evitar en todo o posible a propagación do virus nas residencias.

Así mesmo, a Deputación mantén estritas medidas hixiénico sanitarias no conxunto de edificios da súa titularidade, cun reforzo do servizo de limpeza.