Deputación de Lugo

A Deputación acollerá unha xornada de formación sobre o Ingreso Mínimo Vital para os concellos

Pazo de San Marcos
Ingreso Mínimo Vital
Imaxe deputación de lugo

A institución provincial, en colaboración co INSS, organiza para este xoves, ás 10:00 horas, no Salón de Actos unha sesión sobre os requisitos e a tramitación da prestación

O Salón de Actos da Deputación de Lugo acollerá este xoves, ás 10:00 horas, unha sesión de formación para os concellos da provincia sobre os requisitos e a tramitación do Ingreso Mínimo Vital, aprobado polo Real Decreto Lei 20/2020 de 29 de maio. 


A institución provincial, en colaboración co Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), e dentro da súa función de cooperación cos concellos, organiza esta xornada, dirixida a representantes e técnicos municipais, en especial, a aqueles que reciban consultas da cidadanía sobre a devandita prestación e os que, se fose o caso, poderían levar a cabo a súa tramitación. 


A sesión formativa correrá a cargo do director provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social en Lugo, José Rodríguez Gude. 


O aforo desta xornada estará limitado polas medidas de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias.


O día 15 de xuño abriuse o prazo para a solicitude do Ingreso Mínimo Vital. As solicitudes poden ser presentadas polos interesados a través da páxina web do Instituto Nacional da Seguridade Social, mesmo sen identificación electrónica do solicitante, por correo postal ou a través dos centros de atención da Seguridade Social, sempre con cita previa concertada.


Os traballadores sociais locais, como asistentes máis próximos aos cidadáns, reciben moitas consultas sobre esta nova prestación, polo que a súa colaboración é fundamental. Con este fin, a Deputación de Lugo e o INSS promoven esta xornada formativa aberta aos traballadores sociais de todos os concellos da provincia na que se darán a coñecer os conceptos básicos e requisitos de acceso ao Ingreso Mínimo Vital e as canles para a súa solicitude, solventando as dúbidas que poida xerar a nova normativa. 


Segundo cálculos do INSS na provincia de Lugo, existen ao redor de 5.000 familias que se poderían beneficiar deste subsidio, que protexería a unhas 13.000 persoas en situación de pobreza extrema ou alta.