Axenda Institucional
Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación reactiva o programa Lugo Termal para favorecer o fluxo de visitantes aos balnearios da provincia

lugo termal
Balnearios
A Xunta de Goberno prorrogou este venres os prazos deste plan ata final de ano ou ata que se esgoten as prazas bonificadas para contribuír a paliar os efectos económicos da crise sanitaria nun dos sectores máis afectados

A sesión tamén aprobou as bases da convocatoria de selección das empresas nas que farán prácticas os 50 mozos e mozas do Plan Prende! Bota raíces no rural que a institución impulsa para crear emprego e fixar poboación nas zonas menos poboadas

Adxudicado o contrato do servizo de subministro de enerxía eléctrica para as instalacións e dependencias provinciais con electricidade 100% de orixe renovable, coa acreditación certificada pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, deu conta este venres en rolda de prensa dos asuntos aprobou a Xunta de Goberno, entre os que se acordou prorrogar o prazo do programa Lugo Termal ata final de ano ou ata que se rematen o número de prazas dispoñibles. “Cremos que reactivando este programa a través do que se dan bonificacións, axudamos a reactivar o fluxo de visitantes aos balnearios e, deste xeito, contribuír a paliar os efectos económicos da crise sanitaria nun dos sectores máis afectados polo confinamento”. 

Tomé Roca explicou que Lugo Termal é unha acción da Deputación dirixida a favorecer o benestar social e a dinamizar a economía a través do impulso do termalismo ofrecendo descontos aos veciños e veciñas maiores de 55 anos para facilitarlles o acceso a estes establecementos e recibir terapias mineiromedinais. “Favorece a desestacionalización do turismo, ao facilitar o acceso a estes establecementos ao longo de todo o ano a un prezo reducido, e agora queremos que tamén dinamice o sector na situación actual”. 

Debido á declaración do Estado de Alarma o pasado 14 de marzo, este programa quedou suspendido  e interrompéronse os prazos de tramitación de solicitudes, ao igual que todos os trámites do sector público. Está previsto que no mes de xullo abran os balnearios da provincia e, polo tanto, as persoas interesadas poderán desfrutar das bonificacións da Deputación. “Hai xente anotada xa dende antes do Estado de Alarma que está pendente de fixar novas datas. A esta persoas chamarémolas a semana que vén para confirmar se manteñen a reserva e, se o fan, para establecer as datas solicitadas”, explicou o Presidente. 

A mediados da semana que vén esta prórroga sairá publicada no Boletín Oficial da Provincia o que permitirá que aquelas persoas interesadas poidan cursar as súas solicitudes e manifestar as súas preferencias.  Para facilitar que as persoas que soliciten os bonos poidan desfrutar de calquera dos tres balnearios participantes no programa, ampliamos o prazo das estancias ata o 31 de decembro, cuns prazos flexibles e realistas ante a nova situación. 

O Balneario e Termas de Lugo, o Hotel Balneario Río Pambre de Palas de Rei e o Hotel Balneario de Augas Santas de Pantón son os tres establecementos participantes no programa de termalismo da Deputación.

Pola súa banda, na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobaron as bases da convocatoria e as bases para seleccionas ás empresas nas que farán prácticas os 50 mozos e mozas que participan no Plan Prende! Bota raíces no rural que a Deputación impulsa para crear emprego xuvenil e fixar poboación nas zonas menos poboadas da provincia.
 
Os 50 mozos e mozas participantes están nestes momentos a recibir formación especializada en catro sectores profesionais estratéxicos na nosa provincia e con perspectivas de crecemento, como son hostalería e turismo, enerxía e auga, agricultura e gandería, e medio ambiente. Unha vez que rematen esta fase de formación, o 13 de xullo, comezarán a parte práctica para adquirir experiencia laboral nas empresas que agora vamos a seleccionar, empresas vinculadas aos sectores nos que están recibindo formación.

“A Deputación concederá axudas ás empresas seleccionadas por importe de 5.700€ por cada persoa que contraten durante un período de un ano, sendo a cantidade total destinada de 171.000 €. Ademais, a aqueles participantes no programa que decidan emprender, a Deputación concederalles unha axuda de 8.550€ para poñer en marcha o seu proxecto empresarial”, subliñou Tomé Roca.

As empresas interesadas en participar no plan Prende! Bota Raíces no Rural deberán cumprimentar os modelos de solicitude na sede electrónica da Deputación. O prazo é de 2 meses contados a partir da publicación no Boletín Oficial da Provincia da convocatoria.

Subministro de enerxía eléctrica
A sesión deste venres aprobou a adxudicación do servizo de subministro de enerxía eléctrica para as instalacións e dependencias da Deputación de Lugo por un importe de  542.429,22€ a Gas Natural Comercializadora, S.A. O contrato terá un duración dun ano, coa posibilidade de prorrogalo por outros tres anos. 

Este contrato serve para dar subministro de enerxía a todas as dependencias provinciais, incluídos os centros de maiores e os museos. Coa adxudicación deste contrato eléctrico, todas as dependencias da Deputación de Lugo serán subministradas con electricidade 100% de orixe renovable, coa acreditación de dito orixe certificado pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia.

A contratación do subministro de enerxía eléctrica para a Deputación realizouse a través do acordo marco da Central de Contratación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para a subministración de electricidade en alta e baixa tensión, central de contratación á que decidiu adherirse esta Deputación por un acordo de Pleno a finais do pasado ano.

Custodia do territorio
En materia de medio ambiente, a Xunta de Goberno aprobou as bases para a selección dunha entidade que se ocupe da custodia das fincas propiedade da Deputación onde están situados espazos naturais de gran valor ambiental como as Insuas do Miño e Ollos de Begonte. Este acordo de custodia terá unha duración de 4 anos e o importe máximo anual que achegará a Deputación á entidade que resulte adxudicataria do coidado e promoción deste territorio ascende a 25.000€. 

O Presidente explicou que o obxectivo é “seguir mellorando o estado de conservación destes dous lugares e promover actividades de investigación, divulgación e educación ambiental para cumprir cos seguintes obxectivos: a mellora da flora, fauna e hábitats deste entorno; a eliminación de especies invasoras, divulgar os valores naturais desta zona con visitas organizadas, campañas informativas e sinalización; e mellorar as zonas de uso público”. 

Tomé Roca recalcou que “o que pretendemos é unha mellora do estado dos prados das Insuas do Miño mediante segas de verán, sen abonos artificiais nin fitosanitarios, para aumentar a biodiversidade florística e en consecuencia da fauna. Cremos que a custodia do territorio mediante a colaboración público-privada amósase como unha boa ferramenta para a conservación da biodiversidade e do noso patrimonio paisaxístico e favorece a participación activa da sociedade civil na xestión e conservación de zonas cun alto valor natural”.