Deputación de Lugo
Turismo

A primeira parcela para o parque central de Galicia en Antas de Ulla: unha realidade

José Tomé Roca
Pilar Garcia Porto
Antas de Ulla
parque central de Galicia
Parque central de Galicia
Menos dun mes despois de facelo público, o Presidente dá un paso determinante para cumprir o compromiso cos veciños e veciñas de Antas de Ulla de facer o parque central de Galicia en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante

José Tomé, acompañado da Deputada Pilar García Porto, asinou este venres no Pazo de San Marcosante notario a escritura de compra venda da finca na que, segundo o Instituto Xeográfico Nacional, se localiza o centro xeográfico da comunidade autónoma

A Deputación ten previsto adquirir máis terreos colindantes para crear un gran espazo público de ocio e natureza, integrado no entorno, para o desfrute dos veciños e visitantes e co fin de promocionar a zona

Este proxecto “supón unha clara aposta polo reequilibrio territorial e para fixar poboación no rural, creando actividade económica e postos de traballo”, subliña o Presidente

Menos dun mes despois de facelo público, o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, deu este venres un paso determinante para cumprir co seu compromiso e o da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, cos veciños e veciñas de Antas de Ulla de facer neste municipio o parque central de Galicia. José Tomé, acompañado de García Porto, asinou hoxe, no Salón Verde do Pazo de San Marcos, ante notario a escritura de compra venda da parcela na que se atopa o centro xeográfico de Galicia, no lugar de Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, segundo determinou nun informe o Instituto Xeográfico Nacional.

O Presidente avanzou que, unha vez formalizada a adquisición deste terreo, a Deputación ten a vontade de comprar máis parcelas colindantes para crear un gran espazo público de ocio e natureza, unha aposta da Deputada Pilar García Porto, que conta total apoio de José Tomé.

Neses terreos levantarase un monolito que faga referencia ó centro xeográfico de Galicia, e estará rodeado dun parque público para disfrute dos veciños e veciñas de Antas de Ulla, e de todos os visitantes.

“O proxecto poñerá en valor a riqueza natural,a flora e as árbores do lugar, integrado na paisaxe  actual, e, ao mesmo tempo,promocionará a zona, converténdoa nun lugar de atracción turística o que, sen dúbida, será positivo para a economía de Antas de Ulla”, explicou José Tomé.

A creación deste parque público será “importante para a economía do concello de Antas de Ulla, o que supón unha clara aposta da Deputación Provincial de Lugo polo reequilibrio territorial e para fixar poboación na zona rural, creando actividade económica e postos de traballo”, asegurou o Presidente.

A compra da parcela na que se sitúa o centro xeográfico de Galicia, formalizada hoxe, prodúcese despois das xestións xa feitas polo Presidente e a Deputada Pilar García Porto. Hai varios meses, José Tomé encargou a un xestor inmobiliario que realizara as xestións necesarias cos propietarios para comprar os terreos onde se ubica o punto central de Galicia. A finais de maio, José Tomé e Pilar García Porto mantiveron no Pazo de San Marcos unha reunión cos propietarios dos terreos co obxectivo de darlles a coñecer a iniciativa e facelos partícipes da mesma.

Así mesmo, a Deputada tamén mantivo no seu despacho de San Marcosunha reunión co Alcalde de Antas de Ulla para informalo do compromiso da institución provincial de levar a cabo este proxecto.