Deputación de Lugo
Economía
Emprego

A Deputación apoia as reivindicacións da Mancomunidade da Mariña para manter os empregos de Alcoa

Alcoa
Imaxe deputación de lugo
A declaración institucional asinada polos alcaldes e alcaldesas e demais representantes da entidade mariñana están en plena consonancia coa postura manifestada polo Presidente, José Tome, dende o anuncio de despidos

Tomé ve positivo que o Ministerio de Industria obrigue á empresa a devolver axudas públicas se aplica os despidos, unha medida que o propio Presidente pediu que se estudiase

“A Xunta ten que exercer dunha vez as súas competencias exclusivas en industria para poñer solucións enriba da mesa”, subliña José Tomé, que pide tamén ao Goberno central un estatuto electrointensivo canto antes

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, manifestou o total apoio ás reivindicacións da Mancomunidade de Municipios da Mariña para manter os empregos da planta de Alcoa en San Cibrao recollidas nunha declaración institucional.

O contido do documento asinado polos alcaldes e alcaldesas e demais representantes da entidade mariñana está en plena consonancia coa postura manifestada polo propio Presidente dende o propio día no que a dirección da factoría anunciou o despido colectivo de 534 traballadores.

Así mesmo, o Presidente ve positivo que o Ministerio de Industria obrigue á empresa a devolver axudas públicas se aplica os despidos, unha medida que o propio José Tomé pediu que se estudiase. “Se dan ese paso, polo menos que non lles saia  gratis”, asegurou.

A Deputación rexeita as pretensións de Alcoa e reitera que estará, coma sempre, cos traballadores e coas traballadoras, e cos concellos da comarca da Mariña para reivindicar o futuro dos veciños e das veciñas da Mariña e do conxunto da provincia de Lugo”.

O Presidente esixiu á Xunta que tome “dunha vez medidas e exerza as competencias que ten atribuídas de maneira exclusiva en materia de industria polo Estatuto de Autonomía”. “Acabáronse as fotos baleiras de contido. É hora de poñer enriba da mesa os intereses de Galicia, que son os mesmos que os da provincia de Lugo, os dos traballadores e os dos concellos”. 

“O Presidente de Xunta, o señor Feijóo”, recalcou José Tomé, “debe tomar exemplo do Goberno vasco e apoiar con fondos do IGAPE, por exemplo, as empresas estratéxicas do noso país”.

Polo que respecta ao Goberno de España, o Presidente reafirmou a necesidade dun regulamento electrointensivo que permita ás empresas que operen en España ter unhas condicións semellantes ao resto de Europa. 

Así mesmo, plantexou ao Goberno de España que “estudie a posibilidade de entrar no accionariado deste tipo de empresas, como o están facendo outros países europeos como Francia ou Alemaña, que están reforzando un sector público de empresas estratéxicas”.