Deputación de Lugo

A Deputación arrancará o luns o desbroce das estradas provinciais

José Tomé Roca
Imaxe deputación de lugo

Os traballos, que contan nesta anualidade cun orzamento de 750.000€, empezarán á primeira hora da mañá e de maneira simultánea nas 24 zonas nas que se divide a roza dos 4.200 quilómetros de vías de titularidade da institución

O Presidente subliñou que é “a primeira vez en moitos anos que os desbroces comezan o día 1 de xuño co fin de que no mes de xullo estean totalmente rematados”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, responsable directo da área de Xestión Territorial, informou de que este luns, día 1 de xuño, comezarán os labores de desbroce das estradas provinciais. Os traballos, que contan nesta anualidade cun orzamento de 750.000€, arrancarán á primeira hora da mañá e de maneira simultánea nas 24 zonas nas que está dividida a roza da rede viaria dependente da institución.

Tal e como xa avanzou José Tomé durante o Pleno ordinario celebrado o pasado martes, “será a primeira vez en moitos anos que os desbroces das estradas provinciais comezan o día 1 de xuño co fin de que no mes de xullo estean totalmente rematados os traballos nos 4.200 quilómetros de vías provinciais”. 

Os desbroces mellorarán a seguridade viaria e a calidade e comodidade dos condutores, ademais de favorecer a prevención de incendios durante o verán.

As tarefas divídense en 24 zonas de actuación que inclúen todas as vías provinciais. En todas elas, a roza comezará o vindeiro luns. Son as seguintes:

- Zona 1: O Vicedo, Viveiro, Xove e Ourol. 
- Zona 2: Burela, Cervo, Foz, O Valadouro e Alfoz. 
- Zona 3: Muras, Xermade e Vilalba.
- Zona 4: Barreiros, Ribadeo, Trabada e Lourenzá.
- Zona 5: Mondoñedo e Abadín.
- Zona 6: A Pontenova, Riotorto e A Pastoriza.
- Zona 7: Cospeito, Rábade, Outeiro de Rei, Guitiriz e Begonte.
- Zona 8: Castro de Rei, Pol e Meira.
- Zona 9: Lugo e Guntín.
- Zona 10: Castroverde e O Corgo.
- Zona 11: Friol.
- Zona 12: Baleira, Baralla e Láncara.
- Zona 13: Ribeira de Piquín e A Fonsagrada.
- Zona 14: Negueira de Muñiz e Navia de Suarna.
- Zona 15: Becerreá e As Nogais.
- Zona 16: Cervantes e Pedrafita do Cebreiro.
- Zona 17: Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín e Palas de Rei.
- Zona 18: O Páramo, Paradela e Sarria.
- Zona 19: O Incio, Triacastela e Samos.
- Zona 20: Taboada e O Saviñao.
- Zona 21: Chantada e Carballedo.
- Zona 22: Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil.
- Zona 23: Bóveda, Pobra do Brollón e Monforte de Lemos.
- Zona 24: Pantón e Sober.