Axenda Institucional
Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación adxudica por 743.000€ a mellora de vías provinciais en Monforte, Sober, Guitiriz e Castro de Rei

Xunta de Goberno
O Presidente deu conta dos acordos da Xunta de Goberno deste venres, a primeira dende a declaración do Estado de Alarma

As obras adxudicadas consisten no acondicionamento do acceso ao Pazo de Tor, da estrada entre Canabal e Rosende, da rúa guiriticense do Mercado e da vía dende A Pena Moscosa a Parga, e na pavimentación da contorna da Granxa Experimental

A Xunta de Goberno deu tamén o visto bo ás actuacións solicitadas polos concellos de Viveiro, Ourol, Cospeito e Meira para acometer con cargo aos remanentes do Plan Único 2019

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou de que a Xunta de Goberno deste venres –a primeira dende a declaración do Estado de Alarma- aprobou a adxudicación de traballos en estradas provincias e infraestruturas por case 743.000€, en catro concellos da provincia. As actuacións desenvolveranse nos municipios de Monforte de Lemos, Sober, Guitiriz e Castro de Rei.  

Tomé Roca subliñou que con estes contratos de obra pública, a Deputación de Lugo “favorece a dinamización do sector da construción e, polo tanto,  do tecido económico e o mantemento de emprego, algo moi importante neste momentos de crise provocada pola pandemia do coronavirus”. As actuacións “fan que sigamos avanzando nun dos principais obxectivos desta Deputación, como é o de mellorar as comunicacións viarias, que son necesarias para verdadeiramente garantir a igualdade de oportunidades entre toda a veciñanza da provincia de Lugo, o reequilibrio territorial”, engadiu o Presidente.

Por unha banda, aprobouse no concello de Monforte de Lemos a adxudicación da obra de acondicionamento da estrada de acceso ao Pazo de Tor, a LU-P-3207, nun treito de 3,3 quilómetros, por 477.830,36€. “Este é un proxecto moi importante polo volume de investimento e pola mellora da comunicación vial para conectar o centro da cidade coa finca de Tor, que ademais queremos potenciar”, explicou o Presidente. As actuacións consisten na ampliación da pista existente que accede ó Pazo, nunha lonxitude de 600 metros, entre os puntos quilométricos 2,7 e 3,3. Ademais, dotarase, tanto ao enlace coa LU-617 como a todo o tramo completo de máis 3 quilómetros, do pavimento definitivo a base de mestura asfáltica en quente. A actuación dentro da finca consistirá nun novo vial ata o aulario, con novos accesos, unha rotonda para cambiar o sentido da circulación e estacionamentos para coches e autobuses. As obras terán un prazo de execución de 6 meses e está previsto que poidan comezar no verán.

Por outra banda, no concello de Sober tamén se adxudicou a obra de rehabilitación do firme da estrada LU-P-5902, por importe de 61.347€. As obras realizaranse nesta vía que conecta o núcleo de Canabal con Rosende e Arxemil, entre os quilómetros 3,5 e 4,5. Os traballos consisten na reapertura de cunetas, pavimentación co estendido dunha capa de mestura bituminosas en quente sobre o firme existente e sinalización horizontal. Estas obras contan cun prazo de execución de 6 meses.

No Concello de Guitiriz adxudicáronse dúas obras en estradas provinciais por 64.563,18€. Unha das actuacións consiste no arranxo da rúa Mercado, que, partindo da N-VI discorre cara a parroquia dos Vilares, na estrada provincial LU-P-2301. E a outra obra que se adxudicou en Guitiriz terá lugar na estrada provincial LU-P-2305, que vai dende A Pena Moscosa (N-VI) ata Parga. “Estas obras consisten en dotar á estrada de beirarrúas en ámbolos dous lados, nun treito de 200 metros. Esta vía discorre entre vivendas e supón o acceso a dúas estradas que xa contan con beirarrúas.  Aproveitando esta actuación tamén se van canalizar as augas a través de tubaxe e sumidoiros”, detallou o Presidente na rolda de prensa. As obras teñen 6 meses de prazo de execución.

En materia de adxudicacións, este venres aprobouse tamén a da pavimentación da contorna da Granxa Experimental de Leite, que a Deputación está construíndo na finca da Granxa Gayoso Castro, en Castro de Rei, a través dun convenio coa Universidade de Santiago de Compostela. Os traballos adxudícanse por 139.007,09€, e o proxecto consiste no formigonado de 5.000 m2 de superficie, que agora mesmo é de zahorra, un pavimento que é permeable e que se asolaga con facilidade.

Da área de Xestión Territorial, que dirixe o Presidente, tamén se acordaron nesta sesión do goberno dúas modificacións de proxectos en estradas. En primeiro lugar, o cambio do proxecto para a LU-P-1201 no Concello de Castroverde, vía que une Souto de Torres co polígono industrial da localidade. A modificación supón un aumento de 33.418€ sobre o orzamento inicial, de 98.670€, para estas obras que se realizan nos 2,3 primeiros quilómetros desta vía.  Cámbiase o tipo de estrutura para salvar o río, e pasa dun marco prefabricado a unha ponte. 

Tamén se aprobou a modificación do proxecto de mellora da estrada provincial LU-P-1901, que conecta A Fonsagrada con Navia. Este cambio supón un aumento en 70.145€ con respecto ao orzamento inicial, de 1M€, e foi debido á necesidade de construír un muro e a un maior movemento de terras.

Remanentes Plan Único 2019

O Presidente tamén deu conta da aprobación dunha relación de solicitudes presentadas por varios concellos da provincia para poder investir remanentes do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2019 noutras melloras. 

O Concello de Viveiro reporá o firme dun tramo da pista Granxa-Tilleira con remanentes de 17.000€. O Concello de Ourol destinará remanentes de case 50.000€ á reparación e mantemento de pistas e accesos nas parroquias de Miñotos, Bravos, Xerdiz e Merille e construirá badéns redutores en Vilares. 

Así mesmo, no concello de Cospeito investirán os remanentes do Plan Único na seguinte relación de obras: pavimentación dos accesos O Pedregal e Vilasuso, nas parroquias de Goá e Seixas cofinanciada con 35.000 € da Deputación; sinalización horizontal de vías municipais nas parroquias de Rioaveso, Santo Cristina, Roás e Goá, cofinanciada con 5.276€ da Deputación; alumeado exterior de Riba de Ínsua en Xermar, cofinanciado por 13.909,38€ da Deputación; e alumeado exterior dos Muíños, en Pino, cofinanzado con 3.823€ da Deputación.  

E, por último, o Concello de Meira aplicará os remanentes de 7.783€ a mellorar o acceso en A Casanova.

Plan de aforro enerxético nos concellos ILUMIN@

A Xunta de Goberno deste venres deulle o visto e prace á contratación por lotes do servizo de asistencia técnica ao responsable do contrato da subministración e instalación de material eléctrico de iluminación con material LED para o plan de aforro enerxético nos concellos que impulsa a Deputación, ILUMIN@. Esta iniciativa está cofinanciada nun 80% polos fondos FEDER, asumindo a institución provincial o 20% restante. 

Este contrato ascende a 15.270 € e divídese por lotes, en función das áreas xeográficas da provincia. No Lote 1 inclúense os concellos de Meira, Burela, A Pastoriza, Riotorto, Lourenzá, Ourol, Mondoñedo, Xermade, O Vicedo, Ribeira de Piquín, Alfoz, Trabada, O Valadouro e Vilalba o contrato ascende a 5.590,20€. O Lote 2 inclúe os municipios de Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, Cospeito, Friol, Guntín, Láncara, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz e Rábade, por importe de 4.773,45€. E o Lote 3 integra os concellos da Pobra do Brollón, As Nogais, Carballedo, Folgoso do Courel, Monforte de Lemos, O Incio, O Páramo, O Saviñao, Pantón, Quiroga, Samos e Sober, por importe de 4.907,76€.

Adhesión ao Clúster Audiovisual Galego

A Xunta de Goberno tamén acordou a adhesión da Deputación de Lugo á Asociación Clúster Audiovisual Galego. Tomé Roca incidiu en que “este é unha decisión máis que evidencia a nosa aposta e o noso apoio decidido á industria audiovisual lucense e galega, materializado en colaboracións nos últimos dez anos cunha vintena de películas, series, documentais e curtas, porque apoiar ao audiovisual é crear industria, emprego, fomentar a cultura, a nosa lingua e tamén impulsar o turismo”.