Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo inicia as obras de construción do centro de maiores de Guitiriz

José Tomé Roca
Casa da Botica
Guitiriz
Os traballos para crear unha residencia na Casa da Botica comezan tras a sinatura da acta de reinicio do replanteo da obra, unha vez que foi modificado o Plan de Seguridade e Saúde para adaptalo ás novas condicións esixidas pola crise sanitaria da Covid-19

O Presidente destacou que a estreita colaboración da Deputación e o Concello “fai realidade unha dotación social moi demandada polos veciños e veciñas, que mellorará o benestar social e creará emprego sostible na zona”

A Deputación inviste 1,2 millóns de euros na construción do centro de atención a maiores de Guitiriz, un proxecto que conta cun prazo de execución de 12 meses

Sinatura acta de replanteo Centro de Maiores GuitirizO Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e os deputados de Promoción do Territorio, Pilar García Porto, e de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este martes na sinatura da acta de reinicio do replanteo das obras do centro de atención a maiores da localidade chairega, o documento técnico que marca o inicio inmediato dos traballos de construción na Casa da Botica dunha dotación social na que a institución provincial inviste 1,2 millóns de euros.

As obras comezarán entre esta tarde e mañá, unha vez asinada a acta de reinicio do replanteo polo director de obra e un representante da empresa adxudicataria, tras modificarse o Plan de Seguridade e Saúde para adaptalo ás novas condicións esixidas pola crise sanitaria da Covid-19. Neste plan tamén se incluíu un novo apartado para efectuar a demolición do interior da edificación, que sufriu  deterioracións este inverno causadas polas condicións meteorolóxicas adversas.

O Presidente asegura que o inicio da construción da residencia “é un momento histórico para Guitiriz” porque, subliñou, “para chegar ata aquí houbo que superar un proceso longo e complexo, no que resultou fundamental a estreita colaboración e contacto permanente entre a Deputación e o Concello. Xuntos sacamos adiante un proxecto que é moi demandado polos veciños e veciñas, non só porque mellorará o benestar social, senón tamén porque creará emprego sostible na zona”.

O Presidente engadiu que Deputación sigue demostrando a súa “firme e clara vontade de cumprir con todos e cada un dos compromisos adquiridos cos concellos en materia de construción e posta en marcha das residencias, tal e como afirmamos dende o principio do mandato”.

Pola súa banda, a Alcaldesa de Guitiriz amosou a súa satisfacción polo inminente inicio das obras de construción da residencia, un proxecto que “foi unha prioridade para o equipo de goberno desde o comezo do mandato e que, primeiro pola tardanza da Xunta en achegar a autorización e logo pola situación xerada pola expansión do Coronavirus, se demorou máis do previsto”.

Ademais, Marisol Morandeira agradeceu persoalmente ao presidente da Deputación o seu compromiso xa que “retomou en canto foi posible o inicio das obras dunha infraestrutura fundamental para o noso municipio e para os veciños e veciñas de Guitiriz”.

Modelo público e de proximidade
A residencia de Guitiriz, que ten un prazo de execución de 12 meses, ofrecerá 52 prazas repartidas en 26 habitacións, que poden ser habilitadas dobres. Seguindo o modelo de xestión establecido entre a  Deputación e os concellos, os veciños e veciñas de Guitiriz terán prioridade de acceso, logo os dos restantes municipios da comarca da Terra Chá e, seguidamente, lucenses en xeral. Do mesmo xeito, o prezo da praza adaptarase á capacidade económica de cada maior para que todos poidan acceder á mesma. 

O modelo de residencias da Deputación de Lugo, afirmou o Presidente,garante que os usuarios e usuarias “poidan seguir vivindo preto dos seus familiares, dos veciños e amigos, mantendo o arraigo á súa terra, nun centro público no que reciben unha atención próxima e de calidade”. Estas características dos centros de maiores provinciais, engade José Tomé, “repercuten no seu benestar físico, pero tamén no benestar emocional”.

Características
O centro de maiores que a Deputación acondicionará na Casa da Botica constará de tres plantas e disporá de 26 habitacións individuais para uso normal, que poden converterse en habitacións dobres, e unha habitación, a maiores, para uso de enfermería por residentes que precisen unha atención sanitaria importante.

A planta baixa do edificio existente reformarase para albergar a cociña e zonas de servizo anexas, o comedor, o despacho de dirección, os aseos adaptados e unha sala de reunións, así como un distribuidor e unhas escaleiras que comunicarán esta planta coas superiores. Na zona de nova construción situarase o acceso principal da residencia, a recepción, o monta-padiolas (que servirá tamén de ascensor), un pequeno almacén de roupa, 5 dormitorios para residentes, con cuarto de baño adaptado cada un deles, así como os vestiarios e aseos do persoal. Nesta parte do edificio situarase outra escaleira que unirá esta planta coas altas.

A primeira planta albergará na zona do edificio existente unha sala multiusos, un local para fisioterapia, un ximnasio, un despacho médico, unha habitación de enfermería con baño incorporado adaptado, e dous aseos adaptados para uso xeral. Na parte de nova construción haberá 6 habitacións, cada unha delas cun baño adaptado incorporado, e un local para baño xeriátrico, así como unha pequena zona de estar.

Na segunda planta, na parte correspondente ao edificio existente, haberá 9 habitacións cada unha delas con baño adaptado incorporado, mentres que a parte de nova construción albergará 6 habitacións con baño adaptado cada unha, así como un pequeno local para almacén e útiles de limpeza.