Deputación de Lugo
Infraestruturas

As obras do carril bici no Rato obrigan a cortar tramos desta estrada dende mañá

Río Rato
obras de mellora
Obras que a Deputación de Lugo executa no río Rato para crear un carril bici

Durante os vindeiros 15 días veranse afectados diferentes treitos en contacto coa zona verde do concello lucense debido á fase na que se atopan os traballos

As obras de acondicionamento dun carril bici no Paseo do Rato que acomete a Deputación de Lugo obrigarán a cortar tramos desta estrada en contacto coa zona verde, dende mañá martes e durante quince días, isto é, ata finais deste mes, uns cortes que estarán perfectamente sinalizados. Esta medida é necesaria debido á fase na que se atopa a obra, a colocación dos bordillos.

A empresa adxudicataria retomou os traballos hai uns dez días tras quedar suspendidos a mediados de xaneiro polas condicións meteorolóxicas.

Previsiblemente o proxecto estará finalizado a principios deste verán, pois, tras a colocación dos bordillos, procederase á extensión da terra vexetal e o formigón. Esta fase da obra estará rematada previsiblemente a finais deste mes e, tras a pavimentación, pintarase o eixe do carril bici mediante unha marca viaria reflexiva e situarase a correspondente sinalización vertical.  

A Deputación destina 505.600 euros para a creación dun carril bici de 2,5 quilómetros no Paseo do Rato, unha actuación que permitirá poñer en valor este espazo, un dos escenarios naturais máis característicos e concorridos da cidade de Lugo. As actuacións e materiais utilizados non afectarán á vexetación de ribeira do paseo do Rato, pois, tanto no propio paseo como nas plataformas, empregaranse materiais antiesbarrantes e respectuosos co medio ambiente e coa fauna da zona.