Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación entrega 11.500 unidades de material de protección nos catro centros de maiores da súa titularidade

José Tomé Roca
centro de maiores
material de protección
As residencias de Trabada, Pol, A Fonsagrada e Ribadeo recibiron 5.440 mascarillas, 3.600 calzas, 2.400 gorros e 8 xeles hidroalcólicos, adquiridos pola institución con fondos propios para a protección dos usuarios e o persoal ante o Covid-19

O Presidente informa de que se renovou por outras dúas semanas o encargo para os traballos de desinfección preventiva nestes centros, unhas actuacións que se desenvolven en cada un deles de maneira exhaustiva

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informa de que este martes se desenvolveu, a través do persoal do Parque Móbil, un novo reparto de material de protección fonte ao Covid-19 nos catro centros de atención a maiores de titularidade provincial. Entregáronse 11.500 unidades, que se repartiron de maneira proporcional seguindo os informes técnicos do servizo de Benestar Social nas residencias de Trabada, Pol, A Fonsagrada e Ribadeo. 
    
Este reparto inclúe 5.440 mascarillas, 3.600 calzas, 2.400 gorros e 8 xeles hidroalcólicos, adquiridos con fondos propios da Deputación e destinados aos usuarios e usuarias das residencias e para o conxunto do cadro de persoal que traballa nelas. Por centros, cada un deles recibiu 1.000 mascarillas cirúrxicas, 300 mascarillas FFP2, 60 mascarillas FFP3, 900 calzas, 600 gorros e 2 xeles hidroalcólicos de 1 litro. 

“Con esta nova remesa de material queremos que tanto os profesionais que coidan dos nosos maiores, como os propios maiores estean protexidos e poidan afrontar esta situación correndo o mínimo risco posible”, explica o Presidente. 

Este é o cuarto envío de material de protección que a Deputación de Lugo realiza aos centros de atención a maiores da súa titularidade durante o estado de alarma. Materiais que complementaron aos que xa se entregaran con anterioridade, antes do estado de alarma, tal e como establecían os protocolos que ditaminou a institución provincial nos que, entre outras pautas, se prohibían as visitas dos familiares.

Ademais, José Tomé, avanza que tamén se vén de renovar o encargo a Tragsa, medio propio da Deputación, para que continúe cos traballos de desinfección preventivos nos centros de maiores. Cada un dos centros sométese a unha limpeza exhaustiva unha vez á semana e as actuacións realízanse “tanto no interior como no exterior dos edificios coa finalidade de cubrir todas as zonas coas que a diario tanto os usuarios e usuarias como o persoal dos centros teñen contacto”, subliña o Presidente. 

Pedido de material
A institución provincial realizou un pedido de 220.000 unidades de material hixiénico-sanitario de protección fronte ao coronavirus Covid-19 para o subministro dun total de 112.300 mascarillas, 100.000 luvas, 4.000 calzas, 3.000 gorros e 100 xeles hidroalcólicos de 1 litro, por un importe de case 140.000€ con fondos propios.   

O venres pasado realizouse a primeira fase do reparto de mascarillas cirúrxicas para a protección dos veciños e veciñas da provincia fronte ao coronavirus, na que se entregaron preto de 72.000 unidades nos concellos de menos de 20.000 habitantes. Con esta actuación, a institución provincial cubriu co material que adquiriu con fondos propios máis do 30% da poboación total destes municipios, tal e como subliñou o Presidente, quen avanzou ademais que nunha segunda fase de distribución de mascarillas a Deputación pretende chegar ata o 50% da poboación destes concellos. 

Tomé Roca explica que se adquiriu este material para a protección fronte ao virus do persoal propio da Deputación, das persoas usuarias dos servizos públicos que presta a institución, como son por exemplo os centros de atención a maiores de Pol, Trabada,  Ribadeo e A Fonsagrada, e para a súa distribución no conxunto da provincia.

A cantidade de material adquirida pola Deputación está amparada nun informe técnico elaborado polos servizos provinciais de Prevención de Riscos e Benestar Social no que determinaron as necesidades a cubrir.